“A nosa cidade tivo e ten, pese a ausencia de respaldo por parte da Administración local, pequenos brotes e iniciativas de arte urbana que precisan de apoio institucional”, expón a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González
Lembran as e os socialistas que xa propuxeron en reiteradas ocasións que o goberno de Jácome sentase as bases para poñer en marcha un proxecto de recuperación de espazos degradados e a eliminación do feísmo
Ourense, 5 de agosto de 2025. “A nosa cidade tivo e ten, pese a ausencia de respaldo por parte da Administración local, pequenos brotes e iniciativas de arte urbana que precisan de apoio institucional. É incuestionable o talento e creatividade de figuras como Mon Devane, se cadra o máis coñecido na actualidade a nivel nacional e internacional, pero tamén con moitos outros artistas que enchen coas súas obras pequenos recantos”, expón a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González.
Para as e os socialistas, o feito de que a plataforma Street Art Cities seleccionase un dos murais deste artista -xunto a outros 99 de diversos autores- como candidato a gañar o premio a mellor mural do mundo do mes de xullo é só unha mostra máis do talento que agocha Ourense, que podería servir para mellorar a imaxe da urbe, e que non se potencia dabondo. “Indiscutible resulta xa o potencial e a calidade de Mon Devane, mais tamén de nomes como Cristina de Padua, Dusem de Rem, Abraham Caride ou Dafer Planet”, enumera a voceira.
Neste senso, dende o grupo municipal do PSdeG lembran que xa propuxeron en reiteradas ocasións, tamén cunha moción plenaria en 2021, que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome sentase as bases para poñer en marcha un proxecto de recuperación de espazos degradados e a eliminación do feísmo a través da arte urbana para converter Ourense nunha cidade que aposte polo talento e a creatividade local. Así como a posibilidade de organizar un festival anual que contribuíse á promoción turística e pasase a formar parte da axenda cultural.
“O alcalde rexeita automáticamente, dende hai seis anos, calquera proposta realizada polo Partido Socialista, aínda que o seu ‘non polo non’ sexa en detrimento da mellora de Ourense e a súa veciñanza. Insistimos en tenderlle a man para mudar o aspecto da cidade para os e as que aquí viven e para os e as turistas que cada ano se achegan a coñecela”, incide a tamén secretaria xeral dos e das socialistas.
Así as cousas, as e os edís do PSdeG sinalan que un dos eixos chave para mudar a faciana da urbe é a necesidade de que dende o Concello se proceda á creación e publicación dun inventario de lugares dispoñibles para a súa futura recuperación a través da arte urbana. Neste inventario deberán figurar muros, paredes, instalacións, e calquera outra superficie que poida encaixar no proxecto, de acordo coas premisas da eliminación do feísmo urbano e da recuperación de entornos degradados.
Ademais, demandan, como xa fixeron en anteriores ocasións, a constitución por parte do goberno local dun grupo de traballo para a planificación e desenvolvemento dun proxecto global de arte urbana na nosa cidade a longo prazo no que o compromiso orzamentario se manteña no tempo e que estea á altura dun proxecto “que pode poñer a Ourense no mapa, cun gran impacto estético e turístico, á marxe de convertila nunha cidade do século XXI, apoiando e potenciando aos seus artistas locais e o seu talento”.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González:
https://drive.google.com/file/d/1CCiPROQkg8COokNDcEzrBflVNAWce8tq/view?usp=sharing