Un concerto de Five Pipers, Susi Q’s e Os Kambotes abre a programación das festas do San Cibrao no Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño prepárase para celebrar as festas na honra do seu patrón, San Cibrao. A celebración, como é habitual, porá o broche de ouro á extensa programación lúdica e cultural do verán carballiñés. A concentración de automóbiles históricos do ‘III Memorial José Luis Blanco’, a pasada fin de semana, foi un anticipo da programación dos festexos, que comezarán este vindeiro venres, 12 de setembro, e prolongaranse ao longo dunha semana, ata o día 19, incluíndo citas musicais, lúdicas, deportivas e culturais. A comisión de festas destaca a variedade de propostas, pensadas para poboación “de tódalas idades”.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Neste sentido, os organizadores convidan á veciñanza a asistir e colaborar coa celebración coa compra do libro festivo. De feito, será posible adquirir exemplares na oficina de Recadación municipal e na oficina de Turismo. Ademais, os integrantes da comisión percorrerán diversos puntos da vila nos próximos días, coma é o caso deste domingo na Praza Maior.

O libro de man das festas inclúe un artigo do xornalista, escritor e presidente do Centro de Estudos Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez Calvo, ilustrado con fotografías de José Luis Diz representativas do patrimonio cultural, termal, natural e gastronómico do Carballiño. Trátase de poñer en valor, a través de imaxes simbólicas, diversos aspectos deste legado que é preciso preservar. Esta publicación permite reivindicar estas partes esenciais da historia da vila e serve como modelo de proxección de cara ao futuro, sobre todo no referido ao desenvolvemento turístico.

Así, nesta galería de imaxes comentadas con textos breves recóllese o Templo da Veracruz, o Gran Balneario, o Parque Municipal, o Museo das Lousas, Emilia Pardo Bazán, a fonte do Concello ou a elaboración da tapa xigante de polbo, entre outras fotografías. O libro tamén inclúe un texto do escritor carballiñés Miguel Anxo Fernández sobre a fotógrafa Lola Veleiro e a súas numerosas imaxes sobre a vila. O fotógrafo José Luis Diz foi o encargado de realizar o cartel das festas patronais.

Programa de actos

Os festexos comezan este venres, día 12, coa inauguración do alumeado e coa última cita do ciclo musical ‘Feito no Carballiño’. Sobre o escenario da Praza Maior actuarán a partir das 20,00 horas as bandas Five Pipers, Susi Q’s e Os Kambotes. Ás 00,00 horas arrancará a ‘Festa da Xuventude’ na rúa Faustino Santalices, coa participación de Malenne e de DJ Valeiras.

O sábado 13, a oferta inclúe a ‘Festa Infantil de Olimpíadas’, animada por DJ Tibu, ás 17,00 horas na Praza Emilia Pardo Bazán. A continuación actuará a Charanga CLK, quen deixará paso a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, unha das agrupacións galegas máis importantes no panorama nacional e internacional. O concerto, no que presentarán o seu último álbum, “Axúdame a sentir”, arranca ás 20,30 horas na Praza Maior. Festicultores Troupe ambientarán a noite co seu espectáculo, que terá dous pases, o primeiro ás 23,00 horas e o segundo, ás 00,30 horas. A Praza da Veracruz acollerá un espectáculo piromusical ás 00,00 horas.

Xa o domingo, día 14, a banda de música A Lira de Ribadavia actuará na Praza da Veracruz ás 13,15 horas. Os concertos proseguen coa charanga do Dr. Anchoa, que ambientará a Praza Juan Corral Pajariño desde ás 19,00 horas. Xa pola noite, actuará a Orquestra Florida, con dous pases na Praza Maior, o primeiro ás 20,30 horas e o segundo, ás 23,00 horas.

O luns 15, a veciñanza desfrutará da Orquestra Nueva Fuerza (Praza Maior, ás 19,30 horas) e do espectáculo da Orquestra Panorama, unha das máis recoñecidas en Galicia e no resto de España. O seu concerto comezará ás 00,00 horas, na Praza da Veracruz.

O martes 16, os festexos continúan con música para todos os gustos. Arranca a xornada o grupo Os Serandeiros na feira e continúa a orquestra Combo Dominicano co seu espectáculo na contorna da Veracruz. Haberá dous pases, o primeiro ás 21,00 horas e o segundo, ás 01,00 horas. O martes tamén haberá a gran tirada de fogo fixo e voador (a entrada no Parque Municipal é a partir das 23,00 horas). Ademais, na Praza Maior actuará Broken Peach a partir das 23,30 horas.

O mércores, día 17, festividade de San Cibrao, a charanga Castro Bello porá a nota musical matutina. Ás 11,00 horas sairá a procesión do patrón polas rúas do Carballiño e, a continuación, terá lugar no templo da Veracruz a misa solemne na súa honra. A agrupación musical de Boborás actuará ás 13,15 horas na Praza da Veracruz; pola tarde será o espectáculo da Escola de Música Pulpo Beats na Praza Maior, ás 18,00 horas; e ás 19,30 horas a Orquestra Galilea dará un concerto na Praza Maior.

O xoves, día 18, celebrarase o ‘Día do Neno’ nas atraccións infantís instaladas no casco urbano, con descontos especiais para as familias. Xa o venres día 19, levarase a cabo a gran romaría na honra da Virxe da Saleta, no veciño concello de Boborás.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------