A xuntanza informativa convocada pola directiva de Club Deportivo Arenteiro, e que tivo lugar a última hora da tarde de onte no estadio municipal de Espiñedo, espertou o interese dos socios e socias da entidade, con preto de 400 asistentes. Unha reunión que non tiña carácter oficial a nivel de toma de decisións, xa que en breve está prevista unha asamblea xeral.

O presidente do club, Argimiro Marnotes foi o encargado de poñer voz á situación económica da entidade, que adebeda preto de 1,7 millóns de euros en concepto de nóminas e pagos ás administracións públicas e á RFEF, provedores e créditos. Por elo, o Arenteiro decidíu entrar nun preconcurso de acredores a fin de negociar con éstes cantidades e prazos para saldar as cantidades pendentes.
Saldar a débeda de 428.000 euros co corpo técnico e xogadores “é unha das prioridades máis urxentes, porque se non se atende pode derivar nun descenso administrativo e levarnos a unha situación pior e caendo unha categoría máis”, tal e como expresou o todavía presidente da entidade, Argimiro Marnotes. Asemade, tamén está rexistrada outra débeda de aproximadamente 30.000 euros cos traballadores contratados polo club.
Por outra banda, existen débedas coas administracións públicas. Unha primeira, que Marnotes denominou “fixa” e que ascende a 220.000 euros, e outra “negociable ata xullo” de 300.000 euros. O feito de non satisfacer estas dúas cantidades bloquearía a posibilidade de acceder ás subvencións que aínda ten pendentes de cobro a entidade deportiva, aínda que tamén están contabilizados 70.000 euros sen pagar a Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
E outro concepto deudor é o correspondente ao pago a provedores, que suma 453.000 euros a curto prazo, ao que hai que sumar 195.000 euros “a longo prazo”, cartos que foron aportados a crédito por persoas particulares, para totalizar unha débeda total de 1.696.000 euros, que podería minorarse ingresando ao redor de 850.000 euros de subvencións e unha estimación á baixa pola venda de xogadores, que rebaixaría a débeda ata os 846.000 ou os 655.000 euros, dependendo dos prazos, según comentou o presidente.
Finalmente, Marnotes anunciaba a súa retirada da presidencia do C.D. Arenteiro por motivos de saúde, se ben manifestou a súa intención de seguir apoiando e colaborando coa dirección actual. Asemade, convidou á masa social a presentar candidaturas para a elección dun novo presidente e a correspondente xunta directiva, que deberá levarse a cabo nunha futura asamblea extraordinaria.

















