Avión vibrou na súa ‘Festa Mexicana’ entre tacos, piñatas e mariachis

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

https://www.facebook.com/share/v/1WfL5HMEEY

Avión voltou a acoller un dos seus eventos senlleiros, a tradicional ‘Festa Mexicana’, que acadou a súa 19ª edición. Un festexo no que se rende homenaxe á cultura do país que acolleu ás veciñas e veciños deste municipio ao outro lado do ‘charco’ e co que o Concello agradece aos seus emigrantes a súa aportación.

Así, a praza da igrexa parroquial dos santos Xusto e Pástor converteuse dende mediada a tarde de onte nun espazo de concentración e de confraternidade entre as xentes da emigración e a propia veciñanza de Avión, e tamén de persoas chegadas dende diferentes puntos da xeografía de Galicia.

A apertura dos cinco restaurantes especializados en comida mexicana marcou o inicio dunha celebración que combina o irmandamento entre varias xeracións co puramente gastronómico. As casetas dos establecementos de restauración Sol Maya (Vigo), Mesón Mexicano (Ponte Caldelas), Rincón Azteca (O Carballiño), Pico de Galo (Compostela) e Catering Itacati (Cerdedo-Cotobade) ofertaron as súas especialidades de tacos de carnitas, quesadillas, enchiladas, nachos, totopos y margaritas, entre outras, e un ampla e exclusiva variedade de postres típicos mexicanos. Todo elo aos sons dos dous grupos de mariachis que amenizaron a xornada coas súas rancheras e corridos, entre as que salientaron os éxitos de cantantes como Vicente Fernández ou Luis Miguel.

Pero o programa de actividades non esqueceu á cativada, xa que dende as oito da tarde nenas e nenos de tódalas idades tiveron a oportunidade de participar no ‘xogo da piñata’, tentando romper as vistosas figuras, recheas de doces, e que foron deseñadas polas usuarias do Centro Integral de Servizos Sociais ‘Alvetus’ de Avión, e que estaban baseadas nas personaxes da mítica serie mexicana “El Chavo del 8”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------