A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria desta mañá, aprobou un total de 52 puntos que sirven para mobilizar preto de 2,8 millóns de euros (en concreto, 2.767.322,59 euros). Esta sesión estivo centrada en catro grandes bloques: as axudas á prevención de lumes forestais (1.200.000 euros); aos regantes da Limia (500.000 euros); á cooperación con concellos (822.822,59 euros) e á Cooperación con entidades (239.500 euros).
O presidente provincial, Luis Menor, foi o encargado de explicar polo miúdo o contido da Xunta de Goberno, e fixo tamén referencia á complicada situación que leva vivido a provincia nos últimos días por mor dos incendios forestais. Neste senso, Menor analizou a aportación da Deputación a este operativo, “con todos os seus medios humanos e técnicos a disposición desde o minuto 1”, así como xestionando a ampliación da capacidade operativa a través de empresas, asociacions e outros medios de emerxencias.
Precisamente, o presidente provincial anunciou a posibilidade de incrementar a capacidade operativa dos parques de bombeiros provinciais co apoio de diversos Consorcios contra incendios de Andalucía, grazas ás xestións realizadas a través da Asociación Profesional Técnica de Bombeiros de España (APTB) e da FEMP. Unha vez sexa efectivo este apoio, “permitirá a incorporación deste profesionais procedentes de Andalucía, concretamente de Málaga, aos distintos parques do Consorcio, aumentando así os medios técnicos e humanos dispoñibles”.
En materia de prevención de lumes, Menor sinalou que na sesión de hoxe, a Deputación articulou “un paso moi importante” para afondar na prevención e fomentar o mantemento da contorna agroforestal mediante a dotación de medios técnicos. Así, en virtude do convenio pioneiro que asinou a Deputación coa Consellería de Medio Rural, na Xunta de Goberno “acabamos de aprobar 1.200.000 euros en subvencións para 12 concellos para que poidan adquirir maquinaria fundamental para previr os lumes forestais a través do mantemento do entorno”, explicou Menor.
Así, Carballeda de Avia, Allariz, Padrenda, Chandrexa de Queixa, Vilar de Santos, A Pobra de Trives, O Carballiño, Vilardevós, Carballeda de Valdeorras, Verín e Xunqueira de Ambía recibirán 100.000 euros para estas adquisicións.”O compromiso da Deputación é firme, fundamental e constante neste eido”, recalcou o presidente provincial.
Outro asunto de gran importancia que ratifica o apoio que amosa a Deputación aos sectores estratéxicos da provincia é a subvención, por medio millón de euros (500.000 euros) aprobada esta mañá e destinada á Comunidade de Regantes “Nova Limia” para a modernización das instalacións de regadío. “Un proxecto fundamental para unha comarca eminentemente agrícola como é a da Limia, e para o que a Deputación sempre comprometeu o seu apoio”, explicou Menor, quen lembrou que Deputación de Ourense e a Xunta veñen cooperando no financiamento da modernización do regadío da Limia, dando aos regantes seguridade económica e xurídica para levar a cabo a modernización do regadío nunha comarca eminentemente agrícola.
Explicou tamén o presidente provincial que este proxecto conta cun orzamento de case 36 millóns de euros máis IVE, do que a Comunidade de Regantes ten que financiar o 20%, ademais do 21% do IVE da obra e outros custos adicionais. “Así, ante esta inasumible cantidade que teñen que aboar os regantes, a Xunta e a Deputación articulamos un convenio polo que hoxe liberamos esta subvención”, dixo. Deste xeito, o convenio asinado en marzo sirve para facer fronte a parte do financiamento que lle corresponde asumir á comunidade de regantes.
Neste sentido, a institución ourensá terá investido neste 2025 o total dun millón de euros. O compromiso da Deputación é acadar os catro millóns de euros de axuda aos regantes nos próximos anos.
No que atinxe á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno da Deputación vén de lle dedicar preto de 823.000 euros (concretamente, 822.822,59 euros) para axudar en diferentes obras, humanizacións, melloras de espazos públicos e servizos a 17 concellos da provincia.
Por último, a cooperar con diferentes entidades empresariais, deportivas e culturais da provincia, a Xunta de Goberno da institución provincial dedícalle esta semana 239.500 euros.
Así, recibirán axudas provinciais entidades como o Club Hockey Barrocás, a Escudería Celanova Motor, a delegación ourensá da Federación de Fútbol, a Asociación Xuvenil Amencer, a Fundación Vicente Risco, a Xuntanza de Micólogos Os Cogordos, a Cofradía da Veracruz, o Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei, o Clube Natación Sincronizada Ourense, a Asociación Provincial de Gaiteiros, a Ruta do Viño da Ribeira Sacra, o Verín Club de Fútbol, ou a Fundación Rosalía de Castro.