O único barrio do Carballiño que mantén o seu espírito festivo é o do San Ramón. Na zona norte do casco urbano, perimetrada polo cruce dos Catro Camiños, as rúas Curros Enríquez, Blanco Amor e Os Canteiros e a praza de Antonio Palacios (máis coñecida por San Ramón), o barrio honra este santo os vindeiros días 30, sábado, e 31, domingo, cunha ampla serie de actividades lúdicas, musicais e litúrxicas.
O programa abrirase o sábado, ás 17,00 horas, coa actuación do Mago Ninou na rúa Curros Enríquez, seguida dunha ‘Festa da auga’ na pista vermella da Praza do Emigrante. Pola noite, dous pases do Dúo Estelar, ás 22,00 e 1,30 horas, e, no intermedio, unha festa de lembranza dos anos 80 que estará amenizada polo DJ Tibu e que inclúe o sorteo de dous vales de 50 euros para premiar a mellor vestimenta ‘oitenteira’.
Un pasarrúas dos Tres Galeguiños e unha traca espertarán á veciñanza na matinal do domingo, para continuar, ás 12,00, coas tradicionais misa e a procesión do San Ramón polas rúas do barrio. As actividades da tarde sucederanse dende as 17,00 horas na praza de San Ramón cun ‘Froita Party’, un campionato de comer sandía e o concurso “Qué froita estás comendo?”.
O Dúo Reflejos, ás 21,00 e 00,00 horas, e o Trío Azar, ás 22,30 e 1,30 horas, encargaranse de amenizar a verbena, durante a que tamén se fará o sorteo dos vales da organización.