O Psedg denuncia que Ourense deixará de ter unha oficina de rehabilitación

O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que Ourense será a única das grandes cidades galegas que deixará de ter unha oficina de Rehabilitación, VPP e PERIs por mor dos “delirios” e a “carencia de altura de miras” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que conta co aplauso “cómplice” dos seus socios do Partido Popular. Os socialistas critican que a cidade é a última das urbes galegas en canto á contía de fondos e recursos acadados nos últimos anos para rehabilitación, rexeneración e renovación urbana e para o acceso a vivenda, “pola ausencia de xestión e compromiso” dos gobernos do PP e Jácome.

Dende o Grupo Municipal Socialista esixen a Jácome que “paralice” o traslado da Oficina de Rehabilitación, VPP e PERIs e que se manteña na súa actual localización, xa que tal e como afirman “isto non responde a ningún plan de reorganización de dependencias para a mellora da administración, senón aos delirios dun alcalde irresponsable que pensa que o Concello de Ourense é un xoguete no que pode facer e desfacer como lle de a gana, sen pensar nin o máis mínimo nas consecuencias de cara ao futuro do seus actos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A inquina persoal e o desinterese de Jácome contra esta dotación, xunto coa pasividade do seu socio de goberno do Partido Popular, farán que a partires do 17 de febreiro pase a integrarse nas dependencias da concellería de Urbanismo”, afirman os socialistas, que apuntan tamén que esta decisión “conlevará ao seu desmantelamento polo pouco apropiado desas novas instalacións para o desenvolvemento do traballo e da atención ao público do persoal vencellado a esta área clave de xestión”.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense esta é outra decisión “arbitraria” do alcalde que vai en contra do criterio da corporación municipal, xa que tal e como indican “nas propias reunións da comisión do PEPOU, esiximos de maneira unánime a permanencia deste equipamento estratéxico na súa actual localización”. Os socialistas ourensáns consideran que nun momento “clave”, no que está no aire a aprobación de proxectos estratéxicos para o futuro de Ourense e para o rexurdir do Casco Histórico, “non é de recibo que Jácome e o PP prosigan co espóleo patrimonial”.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, resalta que as novas políticas en materia de vivenda “deben ser unha aposta e un compromiso dos gobernos municipais”, e no caso de Ourense “unha oportunidades histórica que pode supoñer un punto de inflexión na cidade, tanto na rehabilitación urbana, como na mellora no acceso á vivenda da xente moza ou daqueles con maior vulnerabilidade social”. Neste senso a vicevoceira socialistas no Concello de Ourense destaca que “non podemos consentir máis atentados caprichosos contra os servizos e dotacións municipais”, motivo polo que lle esixe ao Partido Popular que “dea a cara e que explique a que responde a súa permisividade ante un alcalde que non ten modelo de cidade e que hipotecará a Ourense para os próximos anos pola súa falta de valentía e inacción”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que durante o presente mandato “reiteramos unha e outra vez a necesidade de manter a oficina de Rehabilitación, VPPP e PERIs no Casco Histórico, concretamente na súa actual localización na rúa Primavera. Os socialistas apuntan a que tamén recalcaron “a urxencia de dotala de reforzo do persoal necesario para a xestión e tramitación urbanísticas, así como para a coordinar as subvencións vencelladas á rehabilitación, rexeneración e renovación urbana de Ourense”.

Por último, os socialistas tamén queren pór de manifesto o “grandísimo” traballo dos funcionarios desta oficina, que “contra vento e marea, con escaseza de recursos humanos e materiais, e a pesares do desgoberno existente nos últimos anos, seguen a xestionar dunha maneira eficiente, responsable e dilixente as actuacións en materia de rehabilitación urbana e vivenda no noso Concello”.