Luis Menor destaca o compromiso da Deputación co “talento deportivo” da provincia na entrega das 40 bolsas a deportistas individuais ourensáns

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Nun acto celebrado no Pazo de San Damián, o presidente da Deputación, Luis Menor lembrou que a institución provincial destina 40.000 euros a estas becas, unha contía que foi incrementada o ano pasado

Así mesmo, destacou a importancia que ten o deporte “na folla de ruta deste goberno provincial” e agradeceu “o gran traballo” que realizan cada un dos deportistas nas súas respectivas disciplinas

Tamén se recoñeceu a Marisa Acevedo Rego pola súa traxectoria deportiva e achega ao deporte ourensán, distinguida este ano pola Xunta ao mérito deportivo

Amoeiro, 19 de setembro de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, entregou hoxe as bolsas aos 40 deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2023-2024. Na entrega destas bolsas, Luis Menor lembrou que a institución provincial destina 40.000 euros a estas axudas, “unha contía que foi incrementada o ano pasado reforzando así, a nosa aposta e compromiso co talento deportivo ourensán”.

Así mesmo, o presidente da Deputación destacou a importancia que ten o deporte “na folla de ruta deste goberno provincial” que se materializa a través de diferentes accións como a posta en marcha do programa de “Fomento deportivo, ningún concello sen deporte”, “Nena e deporte”, as Escolas Deportivas, ou o “EsquiOU”, entre outras moitas iniciativas que se suman “ás numerosas axudas que destinamos para mellorar as infraestruturas deportivas da provincia”.

Luis Menor lembrou que Ourense é o “escenario perfecto” para acoller eventos deportivos de primeiro nivel como acabamos de ver recentemente coa saída de “La Vuelta” en O Barco de Valdeorras que demostrou, unha vez máis, que apostar por estas probas é “traballar na consolidación de Ourense como destino turístico deportivo”.

O presidente felicitou aos bolseiros polo “gran traballo” que realizan cada un deles nas súas respectivas disciplinas que tamén require da “implicación e do compromiso dos vosos familiares e adestradores, sendo un apoio fundamental para a vosa carreira deportiva”.

Recoñecemento a Marisa Acevedo Rego

Ademais da entrega das bolsas, realizouse o tradicional recoñecemento a un técnico deportivo ourensán, desta volta a Marisa Acevedo Rego pola súa traxectoria deportiva e achega ao deporte ourensán. Precisamente, este ano, Marisa Acevedo recibía no Teatro Principal de Ourense a distinción que concede a Xunta ao mérito deportivo, a máxima condecoración no deporte a nivel autonómico.

Marisa estivo desde moza ligada ao deporte practicando diferentes disciplinas deportivas como voleibol, baloncesto, atletismo ou hóckey. Coas súas compañeiras de voleibol chegou a ser campioa provincial e foi a Madrid a competir a final nacional.

Tamén foi xogadora do Medina de Baloncesto que levaba o nome de Ourense por toda España e rematou a súa vinculación co deporte ao outro lado, como preparadora do equipo de ximnasia do Colexio Santo Ángel levándoo a ser campión de España en ximnasia deportiva e, finalmente, dedicouse á docencia desde o IES A Laboral onde intentou inculcar o exercicio físico nos hábitos diarios do seu alumnado.

“Unha longa traxectoria na que tanto como deportista como adestradora e mestra, foi deixando unha fonda pegada no palmarés deportivo da nosa provincia”, salientou Menor, quen salientou que recoñecer a Marisa tamén “nos permite reivindicar o papel da muller no deporte”.

Becas de 500 a 1.600 euros

As axudas concedidas a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse dez axudas de 1.600 euros cada unha; no segundo grupo están trece deportistas que reciben unha achega de 1.000 euros cada un deles; no terceiro grupo inclúense dez axudas de 700 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están sete deportistas con 500 euros para cada un deles.

En total, a Deputación de Ourense destinou 40.000 euros para as bolsas a deportistas ourensáns de diferentes disciplinas como: ximnasia trampolín, loita, parabadminton, triatlón, tiro olímpico, atletismo, entre outras.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------