- A petición, que se rexistrará o luns na Subdelegación de Goberno, está avalada polos resultados da intervención da fosa en 2022, o compromiso das 18 familias de presos alí soterrados localizadas até hoxe e a vontade das Administracións mostrada nos actos do pasado marzo de completar a reparación simbólica e protexer o espazo ante futuras investigacións.
Familiares das vítimas da represión durante a guerra civil soterradas no cemiterio celanovés de San Breixo, xunto ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, rexistrarán este luns, 22 de setembro un escrito na Subdelegación do Goberno en Ourense solicitando a declaración de San Breixo como Lugar de Memoria ao abeiro dos artigos 49 a 53 da Ley 20/2022, de 19 de octubre.
O escrito preséntase na data do aniversario dos fusilamentos dos 7 asturianos en San Breixo, restos que foron exhumados nunha intervención pioneira na comarca e que abriron o camiño a investigación e localización de familias das 90 vítimas do fascismo alí enterradas. E chega seis meses despois dos actos do 23 de marzo para a inauguración do memorial Os 90 de San Breixo nos que desde a Alcaldía de Celanova até o Goberno central e a Xunta de Galiza se comprometeron a traballar polo coñecemento e divulgación da memoria histórica de Celanova, e o mesmo Fiscal General do Estado, Álvaro García Ortiz, recolleu a demanda das familias de impulsar accións de verdade, xustiza e reparación.
A día de hoxe, e despois de que este mesmo mes se puxese en contacto co Comité un neto de Pedro Jado Bermejo, estremeño falecido na Prisión Central de Celanova en xullo de 1942 e cuxo nome figura no memorial, foron localizadas 18 familias que achegan as súas firmas de apoio á declaración de Lugar de Memoria e coas que o Comité segue colaborando para avanzar nas identificacións de restos que apareceron ou poidan aparecer.
No cemiterio de San Breixo foron soterrados 87 presos políticos que faleceron por enfermidades no mesmo centro ou resultaron asasinados polos gardas da Prisión Central entre 1938 e 1943. Ademais, alí recibiron sepultura os restos de dous dos irmáns Fuentes Canal, Manuel e Emilio, “paseados” o 16 de agosto de 1936, así como os do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, abatido nunha operación das forzas de represión da ditadura o 13 de xullo de 1943. Nese lapso de sete anos houbo máis vítimas de “paseos” na comarca ou das condicións da prisión que faleceron no hospital en Ourense. O memorial honra ao soterrados en San Breixo e a declaración como Lugar de Memoria –a primeira que promove o Comité entre os espazos da vila– é urxente para garantir a súa protección de cara a futuras investigacións e a localización de familiasnas que se segue a traballar como medida de verdade e reparación, xa que moitas descoñecen aínda hoxe que alí foron enterrados os seus.
Despois dos actos do 23 de marzo, nos que participaron máis de medio cento de familiares chegados desde Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía ou Madrid, o Comité realizou como asociación memorialista amparada pola lei unha primeira solicitude de declaración cun rexistro diante da Secretaría de Estado de Memoria.
Agora amplíase esa petición coas solicitudes dos familiares coa intención de que os órganos que estudarán a proposta de Lugar de Memoria entendan que San Breixo non só é un espazo de represión e memoria amplamente documentado -mesmo a través da intervención da foxa, posterior publicación dos diferentes informes e dun libro no que participaron familiares de tres dos fusilados con financiamento do Estado- senón que tamén é unha demanda social amplamente compartida en Celanova e Galiza -do que dá testemuña a presenza de autoridades nos actos-, polas familias e mesmo polas comunidades de orixe das vítimas -como testemuñaron os representantes do Goberno asturianos e de varios concellos nos mesmos actos-.