O ‘Rallye Comarca do Carballiño’ percorrerá esta fin de semana 400 km de oito concellos da provincia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Carballiño, Piñor, Maside, San Amaro e San Cristovo de Cea, na comarca do Carballiño; Leiro e Ribadavia, no Ribeiro, e Amoeiro, son os concellos que na vindeira fin de semana integrarán o circuito do ‘IV Rallye Comarca do Carballiño’, organizado pola escudería JLB Motor Sport coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.

A Praza Maior da vila do Arenteiro foi hoxe o escenario elexido para a presentación deste evento, coa asistencia dos alcaldes de Maside, José Manuel Iglesias; Cea, José Luis Valladares, e Amoeiro, José Luis González, e o rexedor eventual carballiñés, José Castro, ademais da xefa territorial de Presidencia da Xunta, Beatriz Fernández, e o xefe do Servizo de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez, e o responsable da organización, Jesús López Blanco.

Un total de 153 pilotos están inscritos nesta proba intercomarcal, que sumará un percorrido total de 402,6 quilómetros distribuídos en cinco seccións e 25 tramos cronometrados, coa apertura, o vindeiro venres, 26 de setembro, na avenida do Arenteiro do Parque Municipal, con saída ás 20,00 horas dende o parque pechado da praza da Veracruz.

A xornada do sábado, día 27, abrirase ás 7,47 h co tramo Piñor-Cea, ao que seguirán un primeiro paso polo de San Amaro (8,45 h) e o segundo do Piñor-Cea (12,13 h), rematando a matinal ás 13,11 h co segundo paso por San Amaro. A competición vespertina iniciarase ás 17,17 h coa primeira pasada polo circuito de Leiro e a primeira do tramo Amoeiro-Maside (18,20 h), rematando xa pola noite con Leiro (21,17 h) e co segundo e último paso polo trazado Amoeiro-Maside (22,20 h).

Dende a organización e as autoridades locais comunicouse a mensaxe dirixida a todo o público en xeral para que siga e acate as recomendacións das forzas de seguridade para evitar calquera tipo de incidencia ou posible accidente nos tramos previstos neste ‘IV Rallye Comarca do Carballiño’.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------