A ’18ª Mostra de Teatro Amador’ programa un total de 10 representacións en outubro e novembro no Auditorio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo Tiruleque Teatro organiza un ano máis a ‘Mostra de Teatro Amador Terras de Orcellón’ cunha programación na que xa se incluíron dous obradoiros actorais e que traerá ao Carballiño nove compañías afeccionadas e un total de 10 escenificacións nos vindeiros meses de outubro e novembro. A presentación desta 18ª edición do festival foi presentado hoxe na Casa do Concello por Diego Fernández, concelleiro de Cultura, e César Fernández, vicepresidente e responsable de Cultura na Deputación Provincial, acompañados por Lidya Almonte e Xosé Prada, directivos da entidade organizadora.

Tanto Diego coma César Fernández loubaron o traballo que desenvolve Tiruleque para levar a cabo esta mostra, “un evento sempre moi esperado por moita xente, que acude ao Carballiño para asistir ás representacións”, subliñou o edil de Cultura. O representante da Deputación apuntou que “a cultura non é so unha oferta de programación, senón tamén un elemento dinamizador da economía do territorio”. Neste sentido, César Fernández engadíu que “parabéns ao Concello do Carballiño por seguir programando e apostando pola cultura, xa que tamén enriquece a vida das persoas”.

Pola súa banda, Lidya Almonte avanzou o programa de representacións, que terán lugar no Auditorio Manuel María nas datas fixadas, ás 20,00 h e cun coste de 5€ por entrada. Así, a asociación dramatúrxica Pico do Castro levantará o telón o 4 de outubro, sábado, coa obra “Mal do miolo”, mentres o domingo día 5 será a quenda de Opai Teatro Canido SRD coa montaxe “De marzo a marzo”. O Auditorio carballiñés acollerá os sábados 11, 18 e 25 de outubro as escenificacións respectivas de “O parvo”, do grupo de teatro Badius; “O atranco”, de La Caja de Pandora, e “O doente imaxinario … daquela maneira”, do Teatro Terra de Outes.

O 26 de outubro e o 1 de novembro, Tiruleque Teatro ofrecerá no Carballiño a montaxe “A conspiración da piolla”, despois da súa próxima estrea en Melide, Nigrán e Oleiros. Rebuldeira Teatro escenificará o 2 de novembro “Os vellos non deben namorarse”, dando paso o día 8 a Abázcaro Teatro con “Aquí as fabas, a caldeiradas!”, rematando a programación o grupo de teatro do Hospital de Lugo con “Paga e cala”, obra orixinal de Pepín Prada, o 9 de novembro.

O acto de presentación tamén servíu para que os integrantes de Tiruleque amosasen as súas reivindicacións sobre o mantemento e mellora das achegas que reciben do propio Concello. Ao respecto, Lidya Almonte pedíu que a subvención directa para a Mostra “non peligre”, á vez que solicitaba que cara o futuro ésta poida ser compatible co acceso da entidade cultural ás axudas competitivas que se convocan anualmente dende a Concellería de Cultura.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------