O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a Residencia para Persoas con Dependencia do Carballiño, coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026 que presenta, como principais novidades, a ampliación da cobertura antigripal nos maiores e na infancia e por non habilitar grandes recintos.
O delegado territorial, que estivo acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, e o alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira de Sanidade, Silvia Baranda, do Carballiño, explicou que a citación desenvolverase por mensaxe SMS ás persoas dende 60 anos e aos nenos dende os seis meses aos 11 anos (agás os que figuren incluídos no programa piloto de vacinación escolar) mentres que o resto de grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da APP Sergas Móbil. A duración desta campaña será ata o 31 de decembro, manténdose a vacinación secuencial de campañas anteriores.
Na provincia de Ourense -salientou Manuel Pardo- a vacinación en todos os centros de saúde e consultorios comezará o 13 de outubro cos nenos de 6 meses a 11 anos e, a partir do día 20 de outubro, coas persoas maiores de 70 anos. O número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 102.000 doses de vacina.
Programa piloto de vacinación escolar
Realizarase un programa piloto de vacinación escolar (iniciativa conxunta das consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP) que incluirá a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos de 55 colexios galegos
O obxectivo a acadar é unha cobertura do 70% e serán os equipos de enfermería os se despracen aos colexios participantes para a administración da vacina nas propias instalacións dos centros. Esta loxística é posible porque a vacina utilizada será a que se administra por vía intranasal
Os centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son os de CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Previo ao inicio da vacinación en cada un dos centros participantes organizaranse reunións coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación.
Protección contra a bronquiolite
En canto a virus estacionais, a Xunta xa iniciou o pasado luns 22 de setembro a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) a bebés directamente nos hospitais onde nazan a partir desa data e ata o fin da campaña en marzo. Ademais, serán citados os menores de seis meses para recibir a inmunización xa que reduce o número de hospitalizacións dos lactantes. En total, o ano pasado en Galicia administrouse a máis de 12.700 nenos.