A Deputación de Ourense organiza, a través do Inorde, os días 3 e 4 de outubro a cuarta edición do Foro da Castaña que se centrará nesta ocasión na recuperación do solo tralos incendios forestais.
O simposio, que se celebrará no mulitusos do Concello de Riós, reunirá a produtores de castaña, propietarios individuais ou agrupacións propietarias de soutos en Galicia, así como a representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector.
Durante toda a xornada, haberá unha exposición de maquinaria agrícola e manual relacionada coa recollida da castaña.
Os interesados en asistir deben anotarse no Centro Agroforestal do Inorde, chamando aos seguintes números de teléfono 988 317951 ou a través do correo electrónico centroagroforestal@inorde.com.
Relatorios, demostracións prácticas e visitas técnicas
Esta iniciativa, realizada no marco do convenio coa Consellería de Medio Rural, comezará co relatorio sobre a rexeneración de cinzas: o chan esquecido nos incendios, a cargo do técnico responsable do Centro Agrogandeiro do Inorde, Servando Álvarez.
Posteriormente, a doutora en Bioloxía e especialista en mellora xenética, Beatriz Míguez falará da importancia dos portanexertos nas plantacións de castiñeiro: a nova xeración de híbridos obtidos por mellora xenética. Seguirá Roque Rodríguez, enxeñeiro de Montes para expoñer as novidades sobre os tratamentos do castiñeiro para madeira e a súa relación coa estrutura de combustibles forestais.
Antes da pausa, a Asociación Galega das castañas e dos soutos falarán das asociacións e da súa importancia na mellora do cultivo de castiñeiro, da man de José Antonio Liñares e José Manuel Queijas. Posteriormente, haberá un relatorio sobre a madeira do castiñeiro a cargo de Jose Antonio Lorenzo, do Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural de Galicia (PEMADE).
Desde Asturias, a investigadora da área de Cultivos Hortofrutícolas e Forestais, SERIDA, Marta Ciordia, ofrecerá un relatorio sobre a orixe e a diversificacións das variedades de castañas. Tras ela, a chef e premio Cociñeira Galega 2024, Begoña Vázquez, protagonizará un showcooking técnico sobre cociña con castañas, que será degustado polos asistentes ao Congreso.Pola tarde, pecharán esta primeira xornada os técnicos forestais da Empresa pública Seaga, Ana Fernádez, Senén Blanco e María M. Meilán, que analizarán o tratamento experimental do cancro do castiñeiro: empacado con terra forestal.
Ao día seguinte, o 4 de outubro, desenvolverase a parte práctica do foro cunha visita técnica a Trancoso (Portugal), rexión integrada na DOP da Castaña dos Soutos da Lapa, onde coñecerán os proxectos LIFE FAGESOS e Banco de xermoplasma de Castiñeiro en Trancoso. Para afondar no primeiro proxecto, os asistentes realizarán un percorrido guiado por unha plantación modelo con explicacións sobre técnicas de xestión sostible e control de patóxenos; e despois visitarán o Banco de xermoplasma de castiñeiro e o souto da variedade “Martaínha”, unha das variedades autóctonas máis destacadas da rexión.