A dotación de novo aglomerado foi a causa dos cortes de tráfico efectuados na autovía AG-53 entre onte e hoxe

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A circulación vial na autovía AG-53 (Ourense-Dozón) xa foi restablecida completamente no mediodía de hoxe tra-los cortes ao tráfico rodado efectuados dende onte, luns, e que afectaron de xeito importante aos automobilistas do Carballiño e a súa contorna que circulaban en dirección á capital da provincia ou no sentido contrario, situación que motivou un aluvión de queixas da veciñanza.

Dende a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comunican que “o que sucedeu onte e hoxe foi un corte imprevisto pola configuración dos medios de aglomerado, que obrigaron a restrinxir algúns movementos”, ao abeiro dos traballos de reposición da capa de rodadura e as obras de mellora dos apoios do tableiro do viaducto da AG-53 sobre a autovía A-52 (Madrid-Vigo), que se veñen desenvolvendo dende finais do mes de xuño e que se reanudaron a mediados do pasado setembro.

As mesmas fontes deste departamento da Xunta de Galicia apuntan que “estes traballos se veñen desenvolvendo, e as afeccións ao tráfico se van comunicando á Dirección General de Tráfico (DGT) e as máis relevantes, cando implican desvíos, aos medios de comunicación”.

Dende Infraestruturas conclúen que “nesta semana non está previsto que haxa afeccións máis aló das habituais polo estendido de aglomerado, cun transfer (cambio de calzada) no punto no que se está traballando”.

Por outra banda, e recollendo as queixas cidadás pola falta de previsión e a ausencia da sinalización pertinente dos cortes de tráfico na AG-53 debido ás obras, o Concello do Carballiño solicitou hoxe da propia Consellería a correspondente información sobre a situacion dos traballos e da súa planificación futura, pedindo tamén a comunicación de rutas alternativas en caso de que a circulación volte a ser restrinxida.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------