A Concellería de Deportes do Concello do Carballiño, coa colaboración do ximnasio Kórpore, organiza mañá sábado unha maratón de actividades deportivas para tódalas idades, que terá lugar dende as 10,00 horas na praza Juan Corral Pajariño da vila.
“O obxectivo é que toda a xente do Carballiño faga deporte, dende o Concello queremos que a actividade deportiva sexa unha forma de vida, ‘mens sana in corpore sano’”, apunta o concelleiro de Deportes, José Castro. O programa é gratuíto e está aberto á participación de cativos e maiores, e comezará cunha sesión de cardiotono, á que seguirá unha de zumba e outra de circuíto funcional a cargo de dous monitores, para rematar a xornada matinal ao fío das 13,00 horas cunha sesión de ioga.
A programación da área municipal de Deportes xa se está a extender ás parroquias do rural do Carballiño, cunha primeira quenda en Madarnás, e que terá continuidade noutras localidades nos vindeiros meses.

















