Adxuntamos audio con declaracións de Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego.
- A Administración de Xustiza de Madrid non admitiu o recurso de casación presentado pola Xunta de Galicia e Materiales Cerámicos Materias Primas SL.
- Felicitamos á veciñanza, ao Concello de Muras e aos colectivos que se personaron no procedemento pola súa disposición e loita. Sen o seu traballo nada disto sería posíbel.
Galiza, 10 de outubro de 2025. Hai arredor dun ano, o 21 de setembro de 2024, dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) faciamos eco da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anulaba a concesión da Xunta para o desenvolvemento da mina de feldespato San Acisclo número 4076, situada no termo municipal de Muras (Lugo) e promovida por Materiales Cerámicos Materias Primas SL. Tras iso, a Xunta de Galicia e Materiales Cerámicos Materias Primas SL interpuxeron un recurso de casación –nº 2119/2025- ante a Administración de Xustiza en Madrid.
Pois ben, agora, volvemos a celebrar a resolución, xa que dito recurso non foi admitido, o que supón a paralización definitiva do proxecto mineiro contra o que dende a Asociación Petón do Lobo, o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas e demais colectivos ecoloxistas levamos loitando dende hai anos. “Agora é firme, paralízase o proxecto”, afirma Margarida Prieto Ledo, coordinadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego.
“Unha vez máis ten que ser a veciñanza e os colectivos quen loite e quen fagan cumprir a legalidade para que este tipo de proxectos non se implanten no territorio”, recoñece Prieto, recordando, ademais, todas as irregularidades que houbo detrás da mina de feldespato San Acisclo:
“Como denunciamos en reiteradas ocasións, esta concesión mineira que data do ano 1969 vén acumulando irregularidades en aspectos como a súa tramitación ou na transmisión de dereitos que tiñan que ser declarados caducados por inactividade constatada polo menos dende o 2008. Localízase ademais na Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia (2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres, así como a Directiva Marco da Auga. Unha vez máis ten que ser a cidadanía quen faga valer a defensa do medio ambiente mentres a Xunta mira para outro lado ou, como neste caso, se pon de parte da empresa incluso recorrendo en casación a Madrid”, declara.
Dende o Sindicato Labrego e a Asociación Petón do Lobo felicitamos á veciñanza, ao Concello de Muras e aos colectivos que se personaron no procedemento pola súa disposición e loita. Sen o seu traballo nada disto sería posíbel.
Antecedes
2020
A finais do ano 2020 o Sindicato Labrego Galego presentou as primeiras solicitudes de información da concesión que daquela se pretendía explotar. Con todo, non foi até mediados do ano 2021 cando se nos proporcionaron os primeiros datos, logo de presentar unha queixa na Valedora do Pobo.
“Previamente a esta denuncia na Valedora as solicitudes perdíanse por Santiago e tardaban dous meses en entrar na delegación de Industria de Lugo –afondou Prieto-. Sempre tivemos a sensación de que a Administración estaba tomando parte claramente pola empresa, dándolle para adiante a un expediente inzado de irregularidades. Dende o SLG comezamos a alertar á veciñanza, mantivemos xuntanzas, acudimos ao pleno do concello -co que tamén tivemos reunións- e convocamos mobilizacións”.
Sometido a información pública dende o 7/01/2022 (DOG Núm. 13, de 20 de xaneiro de 2022), cómpre destacar en primeiro lugar que nos seus aspectos máis importantes este proxecto para a extracción de feldespato –que a promotora tentou presentar como unha ampliación da mina do 1969 malia non gardar similitudes en canto a tamaño e tipo de explotación- era idéntico ao denegado pola Xefatura Territorial o 31/10/2019, pero visado en distinta data.
2022
No 2022 o Sindicato Labrego Galego Galego, a Asociación Petón do Lobo e a Fundación Montescola, canda outros colectivos da Rede Galega Contra a Minería destrutiva da Galiza, Contraminacción e entidades e asociacións ambientais da Terra Chá, como Espazo Agroecolóxico, A Estruga e Terra Chá Sostible presentamos alegacións contra a aprobación do proxecto de explotación e o plan de restauración desta explotación de recursos mineiros.
2023
A solicitude do Sindicato Labrego Galego, en xaneiro do 2023, a Deputación de Lugo emitiu un informe en relación ao proxecto de ampliación da explotación mineira San Acisclo. Nas conclusións do mesmo manifestou a súa “preocupación polo estado de conservación das zonas húmidas da Reserva da Biosfera Terras do Miño, en especial polas da Serra do Xistral, as cales albergan os maiores valores ambientais desta Reserva, así como pola afección a hábitats prioritarios e de interese comunitario, e recalcamos que, en ningún caso, o órgano de xestión desta Reserva de la Biosfera foi coñecedor, así como tampouco informou nin autorizou (ao non ser a Administración competente) o proxecto”.
Ademais das súas múltiples irregularidades, e mesmo carecendo das preceptivas autorizacións de augas, ambientais e urbanística, a promotora tratou de realizar traballos mineiros, denuncia que Margarida Prieto Ledo documentou e trasladou o 13 de marzo do 2023 ao concello de Muras e á Policía Autonómica. O 16 de marzo o Concello emitiu unha orde de paralización. Esa mesma tarde convocamos unha mobilización canda a veciñanza para esixir a admisión dos recursos de reposición presentados polas veciñas e veciños, organizacións ambientais e o SLG e a revogación dos permisos concedidos pola Xunta de Galicia.
Uns meses despois, o 15 de xuño do 2023, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) suspendeu a autorización da Xunta pola súa proximidade a espazos protexidos, acollendo a pretensión da asociación Petón do Lobo. É un detalle importante neste senso, que ilustra os intereses de fondo da administración galega, que neste fallo o TSXG especifica que ten que “rexeitar o argumento que ofrece o defensor autonómico acerca de que a asociación medioambiental carece de lexitimación para interesar a medida cautelar”, revelando unha rechamante belixerancia da administración pública contra organizacións sociais que velan pola preservación do medio ambiente.
A finais dese mesmo ano, o Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da UNESCO deu a coñecer o resultado do “Informe Puntual relativo á incidencia dun proxecto de explotación mineira na Reserva da Biosfera de Terras do Miño (Proxecto Mineiro San Acisclo, Muras, Lugo)”, realizado tamén a solicitude do Sindicato Labrego Galego, no que se confirmaron cuestións moi graves, como a constancia de que o “Proxecto de explotación: CE ampliación a San Acisclo e plan de restauración CE ampliación a San Acisclo” non fora sometido a un proceso de avaliación de impactos ambientais -a pesares de incluír unha área de afección de 61.215 m2 nunha zona tampón dunha Reserva de Biosfera-.
Ao igual que á Deputación de Lugo, tampouco lle pasou desapercibido a este organismo da UNESCO a conivencia da Administración galega con este tipo de proxectos, sinalando no inicio do seu informe que a Comunidade Autónoma de Galicia non remitira ningunha información á Secretaria do Comité MAB, e advertindo de que esta era unha situación “que resulta común coa acontecida noutros expedientes, xerándose unha situación anómala que afecta o proceso de avaliación das incidencias nas Reservas de Biosfera de Galicia“.