O Goberno provincial presenta unha modificación de crédito de 6,2 millóns de euros, case a totalidade para axudas aos concellos afectados polos lumes, servizos municipais e necesidades de financiamento

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A modificación, explica o presidente da Deputación, Luis Menor, sitúase dentro das limitacións que impoñen as regras fiscais reactivadas polo Goberno central en 2024. Isto implica que dos 24 millóns de euros de remanente de tesourería xerado na institución provincial só poden utilizarse algo máis de 6 millóns

Á marxe dunha partida de 60.000 euros para expropiacións, 6,1 millóns distribúense en 191 axudas para os 91 concellos ourensáns menores de 20.000 habitantes

En liñas xerais, estes recursos permitirán atender as necesidades dos concellos en infraestruturas, equipamentos e servizos públicos básicos ou instalacións deportivas. Inclúense os compromisos correspondentes ás anualidades deste ano do plan de residencias para maiores

Ourense, 17 de outubro de 2025.

O Goberno provincial presentará na Comisión de Facenda do próximo mércores, e para o seu posterior debate no pleno de outubro, un expediente de modificación de crédito por un importe superior a 6,2 millóns de euros, dos que practicamente a totalidade -máis de 6,1 millóns- foron distribuídos seguindo criterios obxectivos e homoxéneos para axudar aos concellos afectados pola vaga de lumes deste verán, atender os servizos municipais e responder a necesidades especiais de financiamento.

A modificación, explica o presidente da Deputación, Luis Menor, sitúase dentro das limitacións que impoñen as regras fiscais reactivadas polo Goberno central en 2024. Isto implica que dos 24 millóns de euros de remanente de tesourería xerado na institución provincial só poden utilizarse algo máis de 6 millóns.

Neste escenario, apunta Luis Menor, “a modificación vai destinada exclusivamente aos concellos, xa que con este importe non é posible alcanzar outros ámbitos como a colaboración con entidades”.

Os créditos extraordinarios incluídos no expediente de modificación, financiados con cargo aos maiores ingresos recadados, alcanzan unha cifra total de 6.249.377, 77 euros. Desta cantidade, 60.000 euros van destinados a unha partida necesaria para procedementos de expropiación e o resto, 6.189.377,77 euros, a subvencións de cooperación local, distribuídas en 191 axudas para os 91 concellos ourensáns menores de 20.000 habitantes, é dicir, todos os municipios agás o da capital.

En liñas xerais, estes recursos permitirán atender as necesidades expresadas polos concellos en materia de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos básicos ou instalacións deportivas, o que implica ao mesmo tempo que as subvencións propostas estean no marco da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

Cómpre destacar que no expediente inclúense os compromisos adquiridos correspondentes ás anualidades deste ano do plan de residencias para maiores, cofinanciado pola Xunta de Galicia. Estes son os casos concretos da construción de centros na Peroxa (250.000 euros); Vilamarín (100.000); e Carballeda de Avia (máis de 57.000).

Criterios obxectivos de repartición

A repartición dos máis de 6,1 millóns baséase en tres criterios. Por unha parte están as achegas destinadas aos concellos afectados de modo grave ou importante pola vaga de incendios forestais deste verán, cunha porcentaxe en función da superficie queimada que vai desde os 100.000 euros para os municipios máis afectados, ata os 55.000 para aqueles que resultaron afectados en menor medida pero sempre de modo importante.

En segundo lugar, a modificación establece unha distribución lineal en función da poboación de cada concello, con cantidades que van desde os 30.000 euros para os municipios que teñen menos de 1.000 habitantes; 40.000 para os que teñen entre 1.000 e 5.000; e 50.000 euros para os concellos de máis de 5.000 habitantes.

O terceiro criterio empregado na repartición dos recursos refírese ás necesidades especiais de cofinanciamento que teñen os concellos para proxectos en cuxa execución participan outras administracións. 

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------