O BNG esixe explicacións á Deputación de Ourense polas talas e podas realizadas no parque municipal do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense demanda transparencia e garantías sobre as actuacións realizadas por brigadas provinciais en árbores de alto valor ambiental e patrimonial.

Ourense, 23 de outubro de 2025. O deputado provincial do BNG de Ourense, Xosé Manuel Puga, vén de trasladar nas comisións informativas da Deputación de Ourense unha solicitude de información detallada sobre as actuacións de poda e tala realizadas no parque municipal do Carballiño por brigadas do servizo de Medio Ambiente provincial, tras detectar posibles irregularidades e a falta de criterios técnicos xustificados, quedando emprazado o goberno municipal a respostar estas cuestións no pleno provincial deste mes de outubro.

O representante nacionalista esixiu á institución provincial que aclare e faga pública a documentación existente sobre estes traballos, incluíndo os informes técnicos que avalen a urxencia das podas e tallas, a memoria técnica e o plan de seguridade asociados ás actuacións. Ademais, solicita información sobre a empresa privada que recolleu a madeira resultante das talas, os criterios seguidos para a súa selección e o destino final do material forestal retirado.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Puga explicou que o pasado 25 de setembro, arredor das 11 horas, o BNG foi informado das intervencións que se estaban a realizar no parque municipal por parte das brigadas provinciais. Alí, varias árbores de gran tamaño e aparente bo estado foran taladas e tronzadas, entre elas exemplares de carballo do País e carballo americano, así como podas intensas en coníferas e outras especies singulares.

Tal como trasladou o deputado nacionalista, os cortes realizados “amosaban unha evidente falta de profesionalidade”, o que podería comprometer a saúde das árbores afectadas e mesmo provocar a súa morte. Os traballos estaban a ser executados por persoal da Deputación de Ourense, mentres a madeira obtida se cargaba nun camión dunha empresa privada do sector madeireiro, extremo que tamén require explicacións e xustificación documental.

O BNG lembra que se trata de árbores situadas no parque municipal do Carballiño, un espazo de alto valor ambiental, patrimonial e sentimental para a veciñanza, polo que considera imprescindible que a Deputación actúe con total transparencia e respecto polo patrimonio natural local.

“As administracións públicas deben garantir que calquera intervención sobre o patrimonio natural se faga con criterios técnicos, transparencia e co máximo respecto pola veciñanza e polo medio”, sinalou Puga, quen insistiu na necesidade de que “se esclarezan canto antes as razóns, o procedemento e o destino da madeira resultante destas actuacións”.–

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------