Un investimento de 411.000 euros permitirá mellorar a imaxe do núcleo rural de Ventosela, en Ribadavia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Corporación Municipal de Ribadavia aprobou hoxe en sesión plenaria a solicitude de inclusión da obra “Embelecemento do núcleo rural de Ventosela” no Plan Hurbe 2019-2026, promovido pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia. O acordo inclúe tamén a aceptación dos compromisos de gasto para o exercicio 2026, así como a posta a disposición da Consellería dos terreos necesarios, libres de cargas e gravames, para a normal execución dos traballos.

O proxecto técnico foi promovido polo Concello de Ribadavia co obxectivo de mellorar e poñer en valor o núcleo rural de Ventosela, modernizando o seu camiño principal e renovando as infraestruturas de servizos básicos, ao tempo que se potencia a súa integración paisaxística e o respecto polo seu patrimonio tradicional. O orzamento total ascende a 411.000 euros, e o prazo estimado de execución das obras será de seis meses.

As actuacións previstas permitirán renovar completamente o firme do camiño principal de Ventosela, que se atopa deteriorado, mediante a execución dunha nova pavimentación de formigón cepillado e zonas laterais en adoquín de granito. Tamén se proxecta unha rede separativa de augas pluviais con colectores de PVC e pozos de absorción que garantirán unha drenaxe sostible, ao tempo que se soterrarán as liñas de baixa tensión, telecomunicacións e alumeado público. As luminarias actuais serán substituídas por modelos LED ornamentais acordes coa estética rural da contorna.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O proxecto inclúe ademais o embelecemento do espazo público con novo mobiliario urbano, zonas axardinadas e elementos vexetais como loureiros e especies autóctonas de pequeno porte, que contribuirán a mellorar o aspecto e a calidade ambiental do núcleo. Todas as actuacións garantirán o cumprimento das normas de accesibilidade vixentes, favorecendo un espazo máis seguro e inclusivo para os veciños.

Segundo destacou o alcalde de Ribadavia, César Fernández, esta intervención representa “un paso importante na aposta de Ribadavia por revitalizar os seus núcleos rurais e mellorar a calidade de vida no ámbito rural”.

O proxecto de Ventosela súmase así ás iniciativas municipais orientadas á recuperación e posta en valor do patrimonio e do entorno natural, aproveitando as oportunidades de cooperación coas administracións autonómicas a través do Plan Hurbe, unha ferramenta clave para o desenvolvemento equilibrado e sostible dos concellos galegos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------