O presidente provincial compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para dar conta das principais claves da proposta económica que se presentará para o seu debate e aprobación no pleno do próximo 28 de novembro
A “columna vertebral” destes orzamentos seguirá a ser o Plan CooperOU, que alcanzará os 19 millóns de euros, un millón máis que neste ano. Unha “decidida e firme aposta polo municipalismo”, referendou o presidente provincial, que se reflicte nos 69,7 millóns de euros que a Deputación de Ourense destina ao financiamento directo das entidades locais
Menor reclamou a eliminación ou flexibilización das regras fiscais: “É absolutamente inxusto” ter 24 millóns de euros de remanente e só dispoñer de algo máis de 6 millóns para axudar aos concellos, “precisamente cando o máis o necesitan” logo da traxedia dos lumes forestais e cunha administración con “débeda cero e absolutamente saneada”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Ourense, 3 de novembro de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, avanzou hoxe que a institución provincial contará en 2026 cun orzamento de máis de 110,4 millóns de euros (110.475.000), o que supón un incremento do 5,11 % e 5.375.000 euros máis con respecto ao exercicio actual.
Luis Menor fixo este anuncio durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, onde deu conta das principais claves da proposta económica que rexerá a acción de goberno provincial durante o próximo ano e que se presentará para o seu debate e aprobación no pleno do próximo 28 de novembro.
A “columna vertebral” destes orzamentos seguirá a ser o Plan CooperOU, que alcanzará os 19 millóns de euros, un millón máis que neste ano. O programa de cooperación cos concellos, afirmou Luis Menor, mantén “rigorosamente” unha premisa básica marcada desde o inicio do mandato: dar aos concellos da provincia a estabilidade e seguridade financeira que necesitan, sabendo xa as principais cantidades que van percibir desde o 1 de xaneiro de 2026, así como a “autonomía municipal na priorización dos seus obxectivos”.
Neste sentido, puxo en valor o desenvolvemento dun plan de cooperación local que pasou de 7 millóns de euros en 2023 a 17 millóns no 2024, co compromiso de incrementar un millón máis en 2025, como así foi, alcanzar agora os 19 millóns e xa para 2027 chegar a 20 millóns.
Unha “decidida e firme aposta polo municipalismo”, referendou o presidente provincial, que se reflicte nos 69,7 millóns de euros que a Deputación de Ourense destina ao financiamento directo das entidades locais.
Regras fiscais “absolutamente inxustas”
Neste punto lamentou non dispoñer de máis recursos para axudar aos concellos, sinalando que na modificación de crédito aprobada no pleno do pasado venres só puideron mobilizarse 6,2 millóns de euros fronte a un remanente de 24 millóns polas limitacións das regras fiscais reactivadas polo Goberno central en 2024.
“É absolutamente inxusto”, dixo Luis Menor, ter 24 millóns de euros de remanente e só dispoñer de algo máis de 6 millóns para axudar aos concellos, “precisamente cando o máis o necesitan logo da traxedia vivida en verán polos lumes forestais”. Aínda mais cando a Deputación de Ourense é unha administración con “débeda cero e absolutamente saneada”. Así, o presidente provincial asegurou que seguirá reivindicando “a eliminación, ou cando menos flexibilización” destas regras.
Xunto a esta “inxustiza”, Menor sumouse á reivindicación do mundo local que pide un mellor financiamento para “prestar servizos coas necesarias garantías”, con criterios de despoboación, envellecemento e dispersión poboacional. Tamén puxo o foco sobre o problema provocado ás facendas locais pola imposición de obrigas legais na prestación de servizos, “sen dotarnos dos recursos económicos”, poñendo como exemplo a Lei de Benestar Animal do Estado.
Todas estas reivindicacións, advertiu Luis Menor, cobran hoxe máis importancia dado que os concellos ourensáns non podan recibir toda a axuda que necesitan nun momento tan particular como o que viven, logo de perder no lume servizos, infraestruturas e propiedades.
O presidente provincial defendeu que a Deputación de Ourense é unha administración “rigorosa, cun goberno que cumpre” presentando os orzamentos para 2026 en tempo e forma, aínda que baseado en estimacións por non dispoñer de orzamentos xerais do Estado e descoñecer o financiamento exacto que terán as administracións locais.
Fronte á inseguridade provocada polo Goberno central, Luis Menor defendeu a “planificación a futuro” que está a facer o seu Goberno, co obxectivo de contemplar no vindeiro orzamento os recursos dos que se disporán no próximo remanente de tesourería e que se incorporarán a través da modificación de crédito de abril de 2026.
Rede de estradas, liñas de subvención, economía, educación, cultura e fondos europeos
O presidente provincial adiantou algunhas claves do orzamento de 2026, como os 4,5 millóns de euros para o mantemento dos 1.850 quilómetros da estradas provinciais, que coa previsión de sumar 5 millóns máis na modificación de crédito de abril elevaría esta partida a unha cifra histórica: 25,5 millóns destinados desde o inicio do mandato á rede provincial de estradas.
Anunciou tamén que se manterá a colaboración con concellos e entidades a través de diferentes liñas de axudas, citando a incorporación dunha de novas axudas trala recente aprobación das bases do Plan Provincial de Vivenda, con 500.000 euros para rehabilitar vivendas que se destinen a aluguer ou uso social en municipios de menos de 20.000 habitantes, ou o EmprendOU en feminino, que acaba de resolverse na convocatoria deste ano cun orzamento de 100.000 euros, e que contribuirá a que 74 mulleres poñan en marcha os seus proxectos empresariais.
Luis Menor tamén destacou o compromiso para financiar a redacción do proxecto de construción dunha estación de mercadorías no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, así como a colaboración con Sogarpo para facilitar o financiamento da actividade empresarial. No tocante aos servizos destacou o esforzo económico que suporá a recollida, transporte e tratamento do lixo -única deputación galega con xestión directa neste labor- cun custo de 9 millóns de euros para atender a dous terzos dos concellos ourensáns.
Tampouco faltará o apoio ao mundo educativo, mantendo os convenios de colaboración coa Universidade de Vigo (en materia de turismo e cultura), así como o firme compromiso coa cultura, subliñando a próxima edición do Ourense Film Festival, “logo de que máis de 15.000 espectadores consolidaran o éxito da 30 edición”.
Luis Menor destacou na súa intervención o esforzo para captar recursos cos que afondar na política de desenvolvemento provincial, en concreto de fondos europeos, sinalando que a Deputación de Ourense leva xa captados desde o inicio do mandato 26,1 millóns de euros, “fondos claves na corrección dos desequilibrios económicos, sociais e territoriais”.
O presidente da Deputación quixo tamén poñer de relevo “factores diferenciais” que caracterizan á provincia e que terán a súa pegada nas contas provinciais. Algúns compartidos como a Ribeira Sacra, confiando no éxito da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco en 2026; outros como o AVE, malia eliminación de frecuencias na estación da Gudiña; e un máis singular como o termalismo, potenciado desde a perspectiva da saúde física e mental con diferentes modalidades de programas, e con maior atención ás persoas máis vulnerables.
Colaboración coa Xunta de Galicia
Luis Menor tamén destacou a colaboración coa Xunta de Galicia, “como a deputación galega que máis acordos ten co Goberno de Galicia e que permiten desenvolver proxectos estratéxicos para a provincia relacionados coas infraestruturas, a sanidade, os servizos sociais, medio ambiente, turismo ou deportes”.
Lembrou neste sentido as achegas para a comunidade de regantes da Limia, cun investimento por parte da Deputación de 4 millóns de euros desde o exercicio de 2024 e ata o ano 2031; a colaboración coa Consellería de Medio Rural para dotar aos concellos ourensáns de maquinaria para labores preventivas e de loita contra os incendios; a aportación de 2,3 millóns de euros ao plan de centros e residencias para maiores da Xunta; ou os 2,1 millóns para garantir o remate do parque acuático de Monterrei.
















