A Xunta de Galicia está a promover nas catro provincias galegas a ampliación do parque de vivenda pública cun investimento que se achegará ata os 451 millóns de euros, co obxectivo de duplicar o número de vivendas, que pasaría das 4.000 ás 8.000, no marco do compromiso desta lexislatura. Así, o Goberno galego xa ten en marcha preto de 3.000 novos fogares en diferentes fases de execución, o que supón o 73% das vivendas comprometidas e que se están desenvolver en Vigo, Pontevedra, Lugo, Ourense, A Coruña, Santiago, Ferrol, Mos e Vilagarcía de Arousa, cun investimento xa licitado de 208 millóns de euros.
A construción destes novos fogares de promoción pública lévase a cabo a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e tamén coa Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), que iniciou a súa actividade a principios de 2025 e que no 2026 contará cun orzamento que supera os 77 millóns de euros. Na actualidade, das preto de 3.000 vivendas en execución, están en construción 825 de promoción pública a través do propio IGVS, cun investimento xa licitado de 183 M€. Así mesmo, este mesmo departamento autonómico promove 190 aloxamentos compartidos para á mocidade, cunha estimación de investimento futuro de preto de 27 millóns de euros, que se desenvolverán en Lugo, en Vigo e en Santiago.

E por parte de Vipugal están programadas xa outras 1.777 vivendas, cos proxectos licitados ou adxudicados por un investimento xa licitado de 23 millóns de euros. Ademais, a Xunta está a promover vivenda pública naqueles concellos que xa cederon solo e onde existe demanda acreditada de vivenda, de xeito que Vipugal ten en marcha a promoción de 768 vivendas, e pendentes doutras cesións posibles de varios municipios galegos.
Estratexia Solo
Por outra banda, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, a Xunta ten o compromiso para desenvolver solo no que se poderán construír 25.000 novas vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres, nos próximos anos mediante Proxectos de Interese Autonómico (PIA). Así, na actualidade están tramitados nove destes proxectos para urbanizar ámbitos de solo destinado a residencia en Vigo, e un na Coruña, Pontevedra, Ourense, Santiago, Lugo, Arteixo e Vilagarcía de Arousa, mentres en Marín estase a iniciar ademais a fase de tramitación do décimo PIA, facendo un total de 10 e que sumarán unha construción estimada de 21.000 vivendas.

Orzamentos 2026
O compromiso do Goberno galego coa vivenda plásmase nos orzamentos de 2026, xa que en total destinaranse 350 millóns de euros a políticas de vivenda, dos que 163 millóns adicaranse á construción de fogares públicos e outros 18 millóns ao desenvolvemento de solo residencial. Asemade, o orzamento do IGVS increméntase nun 22% para o ano vindeiro, sumando a cifra récord de 269 millóns de euros, dos que 168 millóns corresponden a fondos autonómicos, mentres a Sociedade Vipugal disporá de 77,8 millóns de euros.
Novas medidas
E co obxectivo de axilizar a posta en disposición de novos fogares en 2026, a Xunta impulsará novas medidas xa a partir do 1 de xaneiro, data a partir da cal os concellos poderán promover e desenvolver Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para a creación de solo destinado ao menos nun 80% á construción de vivenda protexida.
Outra modificación normativa permitirá a construción de vivenda protexida e aloxamentos compartidos en solos dotacionais en desuso, por parte da Xunta ou promotores do sector, sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico, e posibilitará axilizar a construción e rexenerar espazos urbanos ao mobilizar patrimonio público ou privado cun fin social, de xeito que as vivendas que resulten terán cualificación pública permanente.
O Goberno autonómico tamén regulará os aloxamentos compartidos a través da Lei de Vivenda, en canto a súa composición e características. Trátase dun modelo alternativo que se adapta ás novas formas de convivencia que equilibran a autonomía individual e a vida compartida. Unha medida que permitirá ao Goberno galego seguir avanzando no obxectivo de incrementar o parque de vivenda con propostas máis alá do piso convencional.

Outra das medidas permitirá incrementar a edificabilidade nun solo urbanizable por riba do sinalado na Lei do Solo ata un 20%, se se reserva o 60% da promoción a vivenda protexida, co obxectivo de dar facilidades para que resulte máis atractivo facer vivenda protexida.
Por outra banda, cando os propietarios de vivendas de promoción pública poñan en venda os seus inmobles en segundas e posteriores transmisións, compraraas o Instituto Galego da Vivenda e Solo, de xeito que seguirase a ampliar o conxunto de fogares públicos con cualificación permanente.
E en Ourense arrancará o programa piloto de adquisición de locais en desuso para convertelos en vivendas. Adquiriranse baixos que reúnan as condicións técnicas e xurídicas axeitadas para convertelos en vivenda. Este programa contará con 5 millóns de euros de orzamento, dos que xa están consignados 2 millóns para o vindeiro ano.
Así mesmo, incrementarase a partida do programa Fogar Vivo de axudas aos propietarios para reformar pisos baleiros a fin de poñelos no mercado de alugueiro, con axudas extra para os que aluguen a xente moza. Para o 2026, este programa triplica a súa dotación ata os 2,6 millóns de euros.

















