O BNG de Cenlle traslada á Fiscalía a documentación das irregularidades detectadas no pago do canon da auga

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Cenlle vén de anunciar que “no exercicio da súa responsabilidade como forza política comprometida coa defensa dos intereses públicos, vén de presentar ante a Fiscalía Provincial a documentación recompilada polos seus concelleiros en relación con posíbeis irregularidades económicas no Concello”.

O grupo nacionalista apunta que “segundo a información facilitada polo propio goberno municipal nas reunións do 15 de setembro e do pasado luns —aínda incompleta a día de hoxe— constatouse que durante tres mandatos consecutivos, todos baixo alcaldías do Partido Popular, non se aboou o canon da auga nin se atenderon os requirimentos oficiais de Augas de Galiza. Así mesmo, detectouse a existencia de movementos de fondos públicos cara a unha conta bancaria da que se descoñece a titularidade. Estes feitos, de extraordinaria gravidade, evidencian unha falta total de control e dilixencia na xestión municipal”. Por iso, o BNG de Cenlle “considera imprescindíbel que se esclarezan as responsabilidades políticas e administrativas que poidan derivarse e que se garanta a máxima transparencia”.

Ademais da denuncia presentada, o BNG solicitará á Deputación de Ourense a realización dunha auditoría externa que permita verificar se existen outras posíbeis desviacións de fondos públicos. O diñeiro de todas as veciñas e veciños debe ser administrado con rigor, e non pode quedar ao libre criterio de quen incumpre os deberes básicos de control. O portavoz municipal do BNG, Xosé Gabriel Alberte, afirmou que “a veciñanza de Cenlle merece saber en que se emprega cada euro público. É inadmisíbel que se poidan producir movementos de diñeiro municipal sen control nin explicación. O noso deber é actuar con responsabilidade, e por iso levamos o asunto ante a Fiscalía”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Alberte engadíu, ademais. que “non é tolerábel que o goberno local pretenda xustificar a súa incapacidade e a súa mala xestión botando balóns fóra e culpando ao persoal municipal. O que aconteceu en Cenlle é gravísimo e iremos até a última instancia até que se esclareza todo e se depuren todas as responsabilidades”. Para o BNG “resulta incomprensíbel que o Concello, en lugar de promover el mesmo unha
investigación ante a Fiscalía, decida contratar con fondos públicos un bufete de avogados co único obxectivo de desviar a atención e cargar a responsabilidade sobre o persoal máis débil da administración”.

O BNG de Cenlle asegura que “continuará traballando con firmeza para que se coñezan todos os feitos e para garantir que nunca máis se produza unha situación de opacidade e deixamento de funcións coma a que está a vivir o noso Concello”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------