O Concello do Carballiño prepárase xa para festexar o Nadal nos meses de decembro e xaneiro. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, acompañado do alcalde, Francisco Fumega, presentou esta mañá a programación cultural e de ocio que inclúe unha trintena de actividades para público de todas as idades. A veciñanza poderá desfrutar dunha variada oferta teatral, cine, concertos, maxia ou mesmo monólogos de humor, ademais de citas tradicionais como a visita de Papá Noel ou a cabalgata de reis. “Temos novidades como as prebadaladas na tarde do día 31 de decembro, que esperemos que teñan moito éxito”, avanzou o edil de Cultura.
A programación comeza o día 1 de decembro co acendido da iluminación festiva polas rúas da vila, que volverá incluír fío musical por petición dos comerciantes. “Este ano temos iluminación en máis espazos públicos para dar un ambiente máis máxico á vila e estimular o comercio local”, explicou. Así, a Praza Maior, a Praza de Abastos, a Uceira, o Balneario ou a Praza de San Ramón contarán cunha maior decoración.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Entre outras actividades, o concelleiro destacou o concerto das Guerreras K-Pop do día 4 de decembro no Auditorio Municipal, para o que xa quedan poucas entradas; o concerto do grupo de música Bombai, o día 5 de decembro; a obra “Bichitos” da compañía salmantina Spasmo Teatro o día 8 de decembro; o espectáculo “Retranca e maxia” de Luis Boyano o día 14 de decembro,ou o monólogo de Agustín Jiménez do 18 de xaneiro. Fixo unha mención especial á cabalgata de reis, unha cita na que O Carballiño recibe a veciñanza doutros puntos da provincia e mesmo da comunidade para desfrutar da máxica xornada. “Na cabalgata teremos moitas sorpresas, como é habitual”, destacou. O edil tamén recordou que haberá actividades complementarias durante decembro e xaneiro, tales como a pista de xeo, que se colocará na pista vermella, ou as exposicións fotográficas de O Potiños en diversos puntos da vila.
Apoio ao comercio
O alcalde, Francisco Fumega, avanzou a campaña de bonos que o Concello lanzará nas próximas semanas para incentivar as compras no comercio local. “É un xeito de prolongar as vendas máis alá da época do Nadal”, explicou. No pasado pleno, a corporación local aprobou unha modificación de crédito de 30.000 euros para poñer en marcha a campaña, que en pasadas edicións xa contou cunha elevada participación por parte da veciñanza.
Resumo da programación:
- 1 de decembro: acendido da iluminación nas rúas da vila.
- 4 de decembro: concerto “Las guerreras K-Pop”.
- 5 de decembro: concerto grupo Bombai.
- 6 de decembro: teatro coa obra “Tres porquiños”, de EducaTeatro
- 6 de decembro: concerto da Banda Vilatuxe coa Coral Polifónica do Casino.
- 8 de decembro: obra teatral “Bichitos”, de Spasmo Teatro.
- 12 de decembro: cine coa proxección da película “Sorda”, coa colaboración do Cine Clube.
- 13 de decembro: teatro con “Amor y crímenes de Juan Pantera” de Teatro del Norte.
- 14 de decembro: espectáculo “Retranca e maxia” de Luis Boyano.
- 19 de decembro: proxección do filme “Un simple accidente”, coa colaboración do Cine Clube.
- 20 de decembro: III Festival Nadal Coral, organizado por Coro infantil e xuvenil Enharmonía, Coro Cantiga e Orfeón do Carballiño.
- 21 de decembro: espectáculo “Un mundo de fantasía” para público infantil.
- 24 de decembro: visita de Papá Noel.
- 25 de decembro: Concerto de Nadal da man do Orfeón do Carballiño.
- 27 de decembro: concerto de Xoán Curiel e a súa banda.
- Teatro con “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza” de Xanela de Maxín.
- 31 de decembro: prebadaladas na Praza Maior.
- 1 de xaneiro: Concerto de Aninovo do Coro de Cámara Música Viva.
- 5 de xaneiro: Gran Cabalgata de Rei.
- 6 de xaneiro: Concerto de Reis da Coral Polifónica do Casino.
- 18 de xaneiro: Monólogo de Agustín Jiménez.
- Festival Máxico San Juan Bosco.
- Exposicións fotográficas de O Potiños en distintos puntos da vila.
- Pista de patinaxe.
- Inchables para a cativada.
















