A área de Educación do Concello do Carballiño pon a disposición da veciñanza os libros retirados do fondo da Biblioteca Municipal durante a primeira fase do expurgo que se leva a cabo desde o mes de outubro. Este proceso, necesario para o bo funcionamento da Biblioteca e para garantir a calidade dos préstamos, inclúe o inventario e pre-catalogación básica de materiais a revisar, o rexistro documentado de baixas, a consulta institucional á Xunta se fora preciso pola Lei de Patrimonio Documental de Galicia e o tratamento final do material.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Trala realización da primeira fase do expurgo, a área de Educación convida á cidadanía a achegarse este venres e sábado á Biblioteca e ver se hai libros do seu interese entre aqueles volumes que se retiran do catálogo. “Pode vir quen queira, desde particulares a asociacións de veciños, centros educativos, de estudos, agrupacións culturais, sociais… Está aberto para toda a poboación”, detalla Lorena Castro, concelleira de Educación.
Entre os materiais destacan enciclopedias, libros especializados en diversas áreas do coñecemento ou mesmo novelas. “A retirada do catálogo destes volumes responde a criterios técnicos e de espazo, precisamos máis espazo na Biblioteca para facer oco ás novidades que imos adquirindo”, recorda Castro.
A cidadanía interesada pode achegarse á Biblioteca este venres, en horario de 17,00 a 20,00 horas, e este sábado, en horario de 10,00 a 13,00 horas. Cabe destacar que aqueles volumes que sexan retirados non poderán ser devoltos con posterioridade. “Este é o primeiro expurgo, nas próximas semanas levarase a cabo o segundo e volveremos poñer libros a disposición da veciñanza”, avanza a concelleira de Educación.

















