
Xantar 2025 afrontou a súa segunda xornada cunha axenda cargada de actividade entre talleres de cociña, catas comentadas, degustacións, concursos, entregas de premios e celebracións do “Día dedicado” a destinos que destacan pola súa oferta gastronómica. Un dos protagonistas do día foron os “Produtos de Mercado” promocionados a través do showcooking organizado pola Praza de Abastos de Ourense, co apoio da Xunta de Galicia, e que tivo á fronte ao chef Miguel González. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu ao showcooking acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén. O salón contou hoxe tamén coa visita da directora xeral de Formación profesional Eugenia Pérez, que visitou a caseta do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional no que alumnos de varios centros da provincia realizan continuas exhibicións de cociña, repostería e coctelería.
Días dedicados
Hoxe celebrouse o día dedicado a dúas poboacións que levan 26 anos participando ininterrompidamente en Xantar, é dicir, desde a primeira edición. Un deles é a Cámara Municipal de Vila Real, cidade portuguesa que leva 42 anos hermanada coa de Ourense, e que participa no salón para promocionar os seus produtos gastronómicos emblemáticos como o “Covilhete”, as “Cristas de Galo” ou os seus vinhos verdes, pero tamén a súa cerámica negra de Bisalhães, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO.
Outro dos destinos gastronómicos que tivo hoxe o seu día dedicado foi o Concello de Sober, na Ribeira Sacra, que tamén participa en Xantar desde a súa primeira edición en 1999. Ademais de promocionar os seus viños de Amandi e a súa localización privilexiada na Ribeira Sacra, Sober acode este ano a Xantar para presentar o “Proxecto Rosca de Sober” impulsado pola Consellería do Medio Rural e centrado na investigación e caracterización deste produto que neste concello consideran “testemuño vivo da identidade dun territorio e patrimonio gastronómico”. O proxecto baséase en tres eixos principais: a documentación e preservación das calidades da Rosca de Sober; o desenvolvemento de sistemas de produción e conservación que respecten a súa autenticidade; e a exploración de novos usos culinarios que a proxecten cara á gastronomía contemporánea e a hostalería.
O terceiro dos destinos destacados deste venres de Xantar foi o Concello de Muras, situado no Norte de Lugo, na Serra do Xistral. Trátase da segunda edición consecutiva na que participan. Acoden para promocionar os seus produtos de montaña como a carne de “Poldro Pura Raza Galega” ou o seu mel.
O programa de actividades de hoxe incluíu como é habitual a celebración dunha vintena de talleres de cociña, catas comentadas e degustacións. Unha das máis sorprendentes foi o sabor da carne dos Azores procedentes de vacas de 19 anos. Foi presentada pola Cámara de Comercio e Idustria de Angra do Heroísmo. O éxito desta degustación levou a Azores a organizar outra para mañá ás 12.30 h.
Pratos de Ouro, Gorros Brancos e Medallas de Ouro
Como é habitual, Xantar é o escenario elixido por Radio Turismo para organizar a Gala de entrega dos Pratos de Ouro aos restaurantes destacados da provincia de Ourense e os Gorros Brancos a recoñecidos chefs ourensáns. A esta entrega, Expourense suma as Medallas de Ouro de Xantar que cada ano son entregadas a entidades ou persoas que colaboraron estreitamente con esta cita. A gala contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, e do presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
Os Pratos de Ouro foron entregados aos restaurantes A Feira no Market do Estadio Santiago Bernabeu (Madrid), do que é copropietario o carballiñés Paco Gómez; Campanario (Nogueira de Ramuín) e Dos Puertas (Ourense), mentres que os Gorros Brancos concedéronse a Javier Silva Díaz e Francisco Silva González. Pai e Fillo. Restaurante Lusitano de Lobios, e a José Antonio González Gallego de Atarazana. Finalmente, as Medallas de Ouro de Xantar corresponderon á UHO – Unión de Hostaleiros de Ourense e In Memoriam á María Doallo Freire, a recentemente falecida xornalista de La Voz de Galicia.
O salón acolleu esta tarde dous concursos. O primeiro deles é a terceira edición de “DevoraJalys” que reta aos participantes para comer o maior número de patacas fritas posibles nun minuto e que conta con 30 aspirantes. O outro concurso celebrado hoxe é xa o clásico Xantar Gourmet do Grupo Cuevas no que tres aspirantes realizaron receitas protagonizadas por castaña. O gañador coñecerase este domingo na xornada de clausura.
O Grupo Cuevas aproveitou tamén a súa participación en Xantar para presentar o seu novo lanzamento a profesionais da hostalería: unha crema de castañas “Cuevas Chef” en frasco de cristal e outro de “Anacos de Marron Glacé” que estarán dispoñibles nos seus supermercados nuns días.
A xornada de hoxe, venres, concluíu co concerto dos GinToni’s no Mercado Enogastronómico de Xantar.
















