Baltar: “A palabra clave é a estabilidade, que comeza no partido e segue pola confianza da veciñanza de Galicia”

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, expresou os seus parabéns ao presidente autonómico popular, Alberto Núñez Feijóo, logo da xunta directiva celebrada en Santiago de Compostela e na que Feijóo anunciou que concorrerá á reelección como presidente do PPdeG no congreso galego previsto para os días 16 e 17 de xullo en Pontevedra. Unha reunión que Manuel Baltar cualificou como “eminentemente positiva e onde se falou de solidez, que é o que a cidadanía precisa nestes momentos”.

Baltar tamén felicitou ao presidente autonómico “polos éxitos alcanzados desde o último congreso do PP, celebrado en Ourense en 2016, converténdose en referencia política e de goberno con esas dúas maiorías absolutas consecutivas conseguidas desde entón”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“A palabra clave en todo este proceso é a estabilidade dos gobernos galegos –dixo-, que comeza no propio partido e que segue pola forza que emana da confianza que elección tras elección nos outorga a veciñanza de Galicia”.

Agora comeza un novo proceso congresual cos seus prazos, requisitos e trámites “que rematarán nesa gran festa popular de xullo en Pontevedra, onde os compromisarios ourensáns van ter moi claro como se escribe e debuxa o futuro da nosa organización política, que xa é a máis importante da historia de Galicia, porque como dixo hoxe Feijóo este non é un partido de monólogos, senón que nos fixamos e dialogamos coa xente e iso nos converte na formación política que máis se parece a Galicia”.