Espazo Común vén de convocar para o vindeiro venres, día 5, unha xuntanza “para debater sobre preguntas clave de cara ao futuro do Carballiño”, que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 19,30 horas. “A convulsa realidade que está a vivir O Carballiño e a lóxica preocupación sobre a deriva que leva a nosa vila move a a Espazo Común a organizar unha xornada de debate sobre cuestións fundamentais que están candentes a día de hoxe”, anuncian dende esta formación política.
O obxectivo da reunión é ser eco “dos problemas sobre os que os cidadáns nos trasladan constantemente a súa inquedanza e que merecen unha análise seria e con miras moito máis altas das que está a amosar o goberno PPSOE”, coma é o caso da sanidade, “poñendo énfase na situación actual do Centro de Saúde e na ubicación proxectada para o novo que se vai construír será un dos asuntos a tratar. A idoneidade do derrubo da estación de autobuses e a sensación de precariedade no referente ás emerxencias no noso pobo, serán outros dos eixes da xuntanza”. Asemade, “a penalización aos habitantes do rural coa suba inxustificada da taxa do lixo e a posta en marcha da liña de alta tensión para a evacuación da enerxía dos parques eólicos pecharán a xornada”.
Dende Espazo Común avanzan que “a intención é contar coa opinión dos afectados polo que haberá cinco breves intervencións de cidadáns relacionados con cada un dos puntos nomeados. Para o peche da xuntanza está prevista unha intervención do concelleiro Pachi Vázquez, “que fará unha valoración do camiño a seguir, segundo o que se fale durante o acto, para que O Carballiño vaia cara ao mellor futuro posible”.

















