A xornada “OU–Intelixente: A provincia da auga” divulga o proxecto líder do PERTE de dixitalización do ciclo da auga

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, inaugurou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel a xornada técnica do proxecto “OU-Intelixente: A Provincia da Auga”, unha iniciativa que foi seleccionada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) na primeira convocatoria do PERTE de dixitalización do ciclo da auga, acadando a mellor puntuación de Galicia e a segunda mellor a nivel estatal. Tal e como quedou de manifesto nesta xornada, este recoñecemento sitúa a Ourense como provincia de referencia en modernización e innovación na xestión hídrica.

Durante a apertura, Luis Menor destacou que se trata dun “proxecto estratéxico para garantir unha xestión máis eficiente, segura e sostible dun recurso esencial como é a auga, especialmente nun territorio caracterizado pola dispersión municipal e pola necesidade de modernizar infraestruturas”. De feito, o presidente provincial subliñou que “este proxecto permitirá que concellos pequenos conten cos mesmos recursos tecnolóxicos que os grandes municipios, garantindo igualdade territorial e un servizo público máis moderno e eficaz”.

O proxecto “OU-Intelixente” conta cun financiamento global superior aos 13 millóns de euros, dos que 7,75 millóns proceden do MITECO e 5,73 millóns son achegados pola Deputación de Ourense.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

A iniciativa baséase nun modelo de cooperación público-privada, permitindo incorporar tecnoloxías avanzadas e capacidades técnicas que garantan unha transformación real dos sistemas de captación, abastecemento e depuración.

Entre as actuacións previstas destacan a implantación da telelectura, a dixitalización integral das infraestruturas municipais, e a creación do Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga – AquaOu, que centralizará información, monitorización e soporte técnico en tempo real para todos os concellos da provincia.

Segundo se expuxo na xornada, o proxecto avanza a bo ritmo: AquaOurense xa completou o 90% das contratacións de subministracións e servizos, incorporando ademais seis profesionais especializados que executan tarefas de revisión, formación e coordinación cos municipios implicados.

Esta parte da xornada foi presentada por Javier Bobe, director da Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, e por Víctor Comesaña, xerente de AquaOurense, quenes ofreceron unha explicación detallada do estado actual e dos progresos acadados polo proxecto.

Segundo expuxeron, “OU-Intelixente” acumula xa un importante avance técnico, operativo e administrativo. Un dos piares fundamentais é a implantación da telelectura domiciliaria, coa instalación de 48.000 contadores intelixentes, o que representa un 73% do total previsto, e que permitirá unha xestión máis eficiente do consumo de auga.

Paralelamente, avanzan con solidez as actuacións de dixitalización das redes de abastecemento e depuración, que xa abranguen máis de 50 concellos e permiten optimizar 109 depuradoras, 20 bombeos e outras infraestruturas críticas da provincia. Destaca tamén a monitorización avanzada das captacións na comarca de Valdeorras, con catorce puntos controlados en tempo real, así como o sistema pioneiro de vixilancia de blooms algais no encoro das Conchas, actualmente ao 90% de execución.

O proxecto reforza ademais a medición intelixente nos puntos de entrega municipal, con 219 localizacións monitorizadas, e impulsa o desenvolvemento das plataformas dixitais de telecontrol e de seguimento de indicadores, que xa presentan un avance significativo e que permitirán centralizar nunha única interface os datos de depuración, abastecemento e consumo.

Todo este ecosistema dixital integrarase no Centro Intelixente para a Xestión Provincial da Auga – AquaOU, que albergará a xestión operativa en tempo real e funcionará como un espazo aberto á cidadanía, pensado para transparentar e poñer en valor a importancia dunha xestión eficiente da auga no territorio. Precisamente, na xornada de hoxe realizouse unha demostración práctica desta plataforma, unha ferramenta que deixará de ser un concepto para converterse nunha realidade tanxible neste centro, chamado a ser o corazón tecnolóxico da xestión hídrica da provincia.

Nas súas declaracións, o xerente de AquaOurense, Víctor Comesaña, subliñou que esta iniciativa supón “unha das transformacións máis importantes da xestión hídrica en Ourense”, destacando que a dixitalización permitirá anticiparse ás necesidades, mellorar a eficiencia e garantir un servizo máis seguro e transparente. Engadiu ademais que a plataforma dixital presentada hoxe “será unha realidade no Centro OU-Intelixente, chamado a converterse no corazón tecnolóxico da xestión da auga na provincia”.

O calendario mantense estable, e a previsión é completar a implantación de todas as actuacións previstas ao longo do primeiro semestre de 2026. Na xornada quedou de manifesto que “OU-Intelixente” non só resolverá necesidades estruturais do territorio, senón que se consolida como un modelo replicable noutros territorios con características similares, reforzando a posición de Ourense como provincia pioneira en dixitalización e sustentabilidade.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------