A Asociación de Comerciantes EAR (Establecementos Asociados do Ribeiro), en colaboración co Concello de Ribadavia, puxo en marcha unha campaña de concienciación dirixida aos propietarios de cans co obxectivo de fomentar o civismo e a responsabilidade no coidado dos espazos públicos.
Como parte desta iniciativa, colocaranse carteis en todos os escaparates dos establecementos asociados e sinalización en parques e xardíns da localidade. Os carteis lembran que está prohibido que os cans orinen nas fachadas de vivendas e comercios, así como que é obrigatorio recoller os excrementos e lavar con auga e xabón os ouriños que poidan producirse na vía pública.
O incumprimento destas normas será sancionado conforme á ordenanza municipal vixente, reforzando así o compromiso do Concello de Ribadavia coa limpeza e o benestar dos seus espazos públicos.
Con esta campaña, a Asociación EAR e o Concello buscan sensibilizar á cidadanía sobre a importancia do respecto aos veciños e ao entorno urbano, fomentando unha convivencia responsable entre persoas e mascotas.

















