Santiago conmemorou este sábado os vinte anos do primeiro e único goberno de coalición en Galicia, cun acto íntimo e reivindicativo onde os protagonistas do Bng no bipartito (2005-2009) reflexionaron sobre o seu legado e proxectárono cara ao futuro.
Unhas oitenta persoas, na súa maioría compañeiros daquela etapa, reuníronse para unha comida de celebración. Previamente, varios dos exconselleiros e o que fose vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, tomaron a palabra para compartir a súa visión dun período que, nas súas palabras, buscou “lanzar unha nova idea de país”.
Anxo Quintana, portavoz nacional do BNG durante aquel goberno, centrou a súa intervención na filosofía que, segundo defendeu, guiou a súa acción política. “Un bo goberno é aquel que fai cousas que non inauguran eles, senón xeracións futuras”, afirmou, parafraseando a Nelson Mandela. Para Quintana, o obxectivo non era acumular pequenas realizacións, senón “lanzar unha nova idea de país e as estruturas” que servisen para mellorar a vida dos cidadáns a longo prazo.
“En política, e en todas as facetas da vida, o primeiro é ser. Conseguir que Galicia aparecese como axente político a nivel estatal, europeo, mundial”
Este empeño por facer que “Galicia existise” como suxeito político foi, na súa opinión, o núcleo do proxecto. Un proxecto que, subliñou, foi “sempre entendido como colectivo e non individual”. Quintana tamén recoñeceu sen andrómenas o custo político dalgunhas decisións: “Pagar enfrontarse ao poder: pagámolo e volveriámolo a facer”.
Anxo Quintana rematou a súa intervención pedindo o apoio para Ana Pontón:
AUDIO CA INTERVENCIÓN DE ANXO QUINTANA:
Xunto a Quintana interviñeron tres dos catro conselleiros nacionalistas daquel goberno:

Teresa Táboas (Vivenda e Solo): utilizou unha metáfora agrícola para definir aquela etapa. Dixo que foi “como un chispazo de luz” que tiveron que “pechar”, pero que deixaron “a semente” que volverá florecer cando o BNG volva gobernar.
AUDIO CA INTERVENCIÓN DE TERESA TÁBOAS:
Alfredo Suárez Canal (Medio Rural): lembrou que o nacionalismo, “cando tivo a oportunidade de gobernar, evidencioulle á xente que tinga un proxecto”.
AUDIO CA INTERVENCIÓN DE ALFREDO SUÁREZ CANAL:
Fernando Blanco (Industria): coincidiu cos seus compañeiros na necesidade de usar o pasado para mirar ao futuro co desexo de que o BNG regrese á Xunta.
AUDIO CA INTERVENCIÓN DE FERNANDO BLANCO:
O acto serviu tamén para lembrar á cuarta conselleira daquel equipo, Ánxela Bugallo (Cultura), de quen Quintana destacou o impulso á conversión do Pazo de Meirás en Ben de Interese Cultural.
Con este encontro, os artífices do único goberno de coalición na historia de Galicia pecharon filas en torno ao liderado actual de Ana Pontón e lanzaron unha mensaxe clara de ambición política, co obxectivo posto en poñer fin ás cinco maiorías absolutas consecutivas do Partido Popular na comunidade.





















