A Área de Comercio e Emprego do Concello do Carballiño activará o vindeiro xoves, 18 de decembro, os bonos de desconto que están orientados a incentivar as compras de Nadal nos establecementos da vila e que supoñen un investimento de 20.000 euros. A campaña foi presentada hoxe polo alcalde en funcións, José Castro; a concelleira de Comercio, Diana González; a xerente do Centro Comercial Aberto (CCA), Noelia Mares, e Nicolás Álvarez, responsable da empresa de xestión.
Diana González explicou que a campaña contempla a emisión dun total de 1.000 bonos, que se poderán descargar no teléfono móbil a partir das 9,00 horas deste xoves día 18 ao través do enlace da páxina web carballinocontigo.com, ao que terán acceso os propios comerciantes do Carballiño interesados en participar. Precisamente, os titulares de comercios que se queiran adherir a esta campaña están convocados mañá ,ás 20,30 horas, a unha xuntanza informativa no salón de plenos da Casa do Concello. Cada un dos bonos é de 50 euros, dos que 30 deberán ser aportados polo usuario.
Pola súa banda, Noelia Mares apuntou que según as valoracións feitas dende o CCA, estas campañas otorgan “un meirande poder de compra e maís satisfacción para os clientes”, mentres supoñen “un maior fluxo de vendas para os comerciantes, ademais de fortalecen a fidelización da clientela da nosa comarca”. Os bonos poderán canxearse ata o 20 de xaneiro do ano vindeiro.















