O PSOE de Punxín considera “insólito e inaudito” que o alcalde non coñeza o contido dos orzamentos

As concelleiras socialistas do PSdeG-PSOE de Punxín consideran “insólito e inaudito” o acontecido no pleno extraordinario celebrado este xoves no que se aprobaron os orzamentos para o exercicio 2023, “unhas contas que foron elaboradas pola secretaria do Concello e das cales os integrantes do grupo de goberno descoñecen o contido, malia o cal votaron igualmente a favor”.

A voceira socialista, Lorena Peleteiro, reproba que o propio alcalde non foi quen de dar resposta ás dúbidas dos socialistas na sesión plenaria, amosando que “non ten nin idea nin control sobre o contido das contas municipais das cales debería ser responsable”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, Peleteiro destacou que “cando lle formulamos dúbidas sobre diferentes partidas do orzamento, quedou claro que nin a máxima autoridade do consistorio municipal nin o grupo de goberno que dirixe teñen idea das contas, requirindo a intervención da secretaria para que dese resposta ás mesmas”.

Así mesmo, dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Punxín denuncian que o goberno local lle condone 1,100 euros de impostos á Diocese de Ourense e, pola contra, sexa incapaz de elaborar “unha ordenanza fiscal xusta en favor daqueles que máis o precisan”.

Así as cousas, a voceira socialista recrimínalle ao goberno local que, “unha vez máis, se aprobe un orzamento non se axusta en absoluto á realidade de Punxín e ás necesidades da súa veciñanza”.