- Un encontro para recoñecer a forza do voluntariado que sostén a misión da asociación en Ourense
- A asociación reafirma o seu compromiso: que ninguén enfronte o cancro en soidade
Ourense, 16 de decembro de 2025.- A sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense reuniu hoxe a voluntariado, equipo profesional e representantes institucionais no Primeiro Encontro Anual de Voluntariado, unha xornada marcada pola emoción, a gratitude e o recoñecemento ao compromiso solidario que sostén a misión da entidade.
O encontro comezou ás 11:30 horas cunha visita guiada á sede provincial de Ourense, onde as persoas voluntarias de xuntas locais puideron coñecer de preto os espazos e proxectos que fan posible o acompañamento e apoio ás persoas afectadas polo cancro.
A continuación, ás 12:15 horas, tivo lugar a benvida institucional no propio Hotel Barceló, a cargo do presidente provincial Germán Rodríguez-Saá e da xerente Judit Vega, quen agradeceron o traballo incansable do voluntariado, lembrando que “o noso voluntariado é a forza que transforma a nosa misión en realidade. Cada persoa que dedica tempo e enerxía está a construír unha rede de apoio que dá esperanza e acompañamento a quen máis o precisa. Non son só mans que axudan, son corazóns que laten xuntos por unha causa común: que ninguén enfronte o cancro en soidade. Grazas por ser exemplo de solidariedade e humanidade.”



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A xornada continuou cunha dinámica motivacional dirixida por Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer, enfocada en reforzar a cohesión, a motivación e o sentido de pertenza ao voluntariado. Posteriormente, ás 14:15 horas, celebrouse un xantar de confraternización, un espazo para compartir experiencias, fortalecer vínculos e entregar un pequeno agasallo como mostra de agradecemento.
A sede provincial da Asociación manda un agradecemento as persoas voluntarias polo seu tempo, forza e humanidade. Tamén agradecen a colaboración ao Hotel Barceló de Ourense pola cesión da súa sala e as facilidades.
Sobre a Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter un enfoque do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao carón das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se lles é diagnosticada; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación agrupa a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 143 millóns de euros en 750 proxectos, nos que participan máis de 2.300 investigadores.
A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 35.000 persoas voluntarias, máis de 728.000 socios e 1.261 profesionais.
Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 136.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada.

















