A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense reunirase de urxencia hoxe, a partir das 20.00 horas, para abordar a denuncia por presunto acoso laboral presentada a través da canle interna do partido contra o alcalde de Barbadás e deputado provincial, Xosé Carlos Valcárcel Doval.
O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, convocou esta reunión da Executiva Provincial tras ter coñecemento da denuncia. A organización provincial actuará con toda a celeridade e rigor que require unha situación desta natureza, seguindo escrupulosamente os procedementos e protocolos establecidos polo PSdeG-PSOE.
Dado o delicado do asunto, a reunión realizarase a porta pechada. A Executiva Provincial analizará as circunstancias do caso e adoptará as decisións que correspondan en aplicación do regulamento interno do PSdeG-PSOE. A gravidade da situación require unha actuación dilixente, rigorosa e sempre axustada aos mecanismos que o partido ten establecidos para estes supostos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O respecto aos procedementos resulta fundamental para garantir a integridade do proceso e os dereitos das persoas implicadas. Por estes motivos, a dirección do partido en Ourense pospón calquera comentario ou declaración até o termo da reunión. A organización provincial mantén o seu compromiso inquebrantable coa defensa das vítimas e coa aplicación estrita dos protocolos internos.
Ao remate da Executiva Provincial, e toda vez sexan analizados os feitos en cuestión, serán adoptadas as pertinentes resolucións. As informacións sobre as medidas acordadas serán comunicadas aos medios de comunicación e á sociedade civil nunha rolda de prensa que se celebrará mañá, día 17 de decembro, na sede do PSdeG-PSOE de Ourense, a partires das 10.30 horas, onde o secretario provincial atenderá as preguntas dos xornalistas.
Ao respecto desta situación, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, indicou que, “na tarde de onte, unha muller presentou unha denuncia por acoso laboral contra o alcalde de Barbadás, en represalia, segundo dixo, por ter denunciado previamente unha situación de acoso sexual atribuída a un exconcelleiro”. O PSdeG provincial atendeu onte pola tarde a denuncia desta persoa e das súas testemuñas, e a propia vítima refrendó tamén os feitos a través da canle interna contra o acoso do partido.
Deste xeito, e co coñecemento da denuncia por parte da vítima directamente, o PSdeG activou de forma inmediata o protocolo, do mesmo xeito que xa se fixera a semana pasada noutro caso. Ao tratarse do órgano inmediatamente superior afectado, o partido provincial reunirase hoxe mesmo para recabar os testemuños das persoas implicadas e depurar responsabilidades “ata ó final”.

















