A Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño reclama da Xunta de Galicia unha serie de obras de infraestrutura que consideran urxentes dada a afectación que supoñen estas deficiencias para a veciñanza de varias parroquias do municipio e mesmo das familias da vila do Arenteiro. Unhas iniciativas que xa foron plantexadas a través de enmendas aos orzamentos xerais do Goberno autonómico para o vindeiro ano e que foron rexeitadas a pesares da súa importancia e interés para a cidadanía carballiñesa, e que suman un montante global de preto dos 3,7 millóns de euros.
Concretamente, un primeiro proxecto céntrase na estrada autonómica OU-208 ao seu paso polo Carballiño e que comprende os tramos das antigas estradas a Ribadavia e Pontevedra comprendidos entre Porto de Eguas e o enlace coa N-541 na Ponte de Godás. Os traballos solicitados consisten na construción e reposición de beirarrúas; melloras nas redes de abastecemento e saneamento; dotación de alumeado público e acondicionamento do firme da calzada, ademais dun reforzo na seguridade no tramo urbano da rúa Ribadavia. O orzamento supón un investimento valorado en 2,1 millóns de euros.
Outra infraestrutura que o PSdeG-PSOE carballiñés considera prioritaria para a súa remodelación é a da antiga estrada entre a vila e San Cristovo de Cea (OU-206), no tramo da rúa Compostela que conecta co núcleo principal de Seoane. As obras que se demandan teñen como obxectivo solucionar o problema dos anegamentos que se producen nesta vía cando hai choivas, ademais da construción de beirarrúas entre o barrio da Uceira e o devandito núcleo de poboación, cun custe calculado en 1,2 millóns de euros.
E a nivel de estradas autonómicas, tamén se solicita a renovación e reforzo da sinalización e unha mellora na seguridade na estrada OU-902 (O Carballiño.-Lalín) ao seu paso pola parroquia carballiñesa de Madarnás, ademais de traballos de acondicionamento nas vías de servizo veciñais e do acceso ao velorio e á igrexa parroquial, cun orzamento aproximado de 75.000 euros.
Finalmente, a Agrupación Local socialista propón, cun gasto de 320.000 euros, que se acometan traballos de reforzo na estrutura do edificio do colexio público (CEIP Calvo Sotelo), situado na rúa deste mesmo nome, que se extenderían tamén á habilitación de accesos para persoas con problemas de mobilidade e á instalación dun ascensor interior, ademais de crear unha área de lecer para os cativos.
“Dende o PSdeG-PSOE solicitamos que a Xunta acometa con urxencia estas demandas históricas da veciñanza do Carballiño, posto que en moitos casos afectan á seguridade e á accesibilidade e mobilidade das veciñas e os veciños do municipio”, apuntan, e engaden que “no caso de Madarnás, son melloras recollidas polo equipo municipal de goberno, e que son demandadas pola veciñanza desta parroquia de xeito reiterado e que consideramos de acometida urxente”.

















