O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia o “lamentable” estado no que se atopa a rúa Progreso, unha das arterias principais da vila, por mor da “deixadez e desidia” do equipo de goberno do Partido Popular. As e os socialistas critican que o alcalde popular leva toda a lexislatura sen realizar un “correcto” mantemento desta rúa, o que provocou que haxa ducias de losetas soltas e nun “pésimo estado”, ao que se suma as malas condicións da estrada e a falta de pintado nos pasos de peóns e nas liñas que limitan os carrís.
Dende o grupo municipal socialista explican que durante esta lexislatura “reclamamos en numerosas ocasións que se levara a cabo un mantemento desta rúa, como se facía durante os mandatos anteriores”. Tal e como sinalan as e os socialistas “o PP fixo oídos xordos, provocando que o deterioro fose en aumentos, con losetas que se van soltando e rachando, provocando desprendementos nas mesmas”. Neste senso tamén apuntan a que a situación “é preocupante, xa que supón un perigo para os viandantes, porque tropezan e xa non é a primeira persoa que incluso cae”, ademais, nestes meses de inverno e precipitacións “as losetas collen moita auga e provocan importantes charcos”.
Tal e como indican dende o PSOE de Ribadavia “durante os mandatos socialistas sempre se fixo un mantemento ordinario, colocando novas losetas e reparando as que estaban en mal estado, pero durante os gobernos do PP abandonouse por completo estas”. Ante esta situación de abandono, as beirarrúas amosan un estado “lamentable”, nunha zona cunha importante actividade comercial. As e os socialistas tamén denuncian que noutra parte da rúa “a beirarrúa afundiuse e o concello non fixo absolutamente nada por reparala”.
O PSdeG-PSOE de Ribadavia reclámalle ao rexedor, Cesar Manuel Fernández, que “senón está disposto a facer un mantemento, se poña en contacto coa Axencia Galega de Infraestruturas, titular da vía, para que atenda estas demandas, xa non só polas beirarrúas, senón polo lamentable estado da estrada”. Lembran que con anteriores gobernos socialistas “cada dous anos se solicitaba unha actuación e AXI accedía”.
“Parece mentira que cun alcalde da mesma corda política que o goberno galego, non se atendas as necesidades básicas do concello”, recriminan as e os socialistas. Asemade, tamén lle piden ao alcalde que “se deixe de tanta viaxe en representación da Deputación, que estamos seguros que son importantes, pero tamén o é atender o concello do que é rexedor, que se atopa totalmente desatendido”.

















