O Centro Sociocomunitario comeza o ano mantendo a súa programación habitual de actividades e incorporando novas propostas co obxectivo de iniciar o ano con dinamismo e con novas iniciativas.
Entre as novidades máis inmediatas destacan dous cursos de informática cun enfoque actual e innovador: Intelixencia Artificial. Por unha banda, ofrecerase un curso dirixido á poboación en xeral interesada nesta temática, que será impartido pola entidade Cibervoluntarios e terá carácter totalmente gratuíto. Por outra, poñerase en marcha un curso específico para a aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito do comercio, destinado a persoas con empresa ou establecemento comercial. Este segundo curso tamén gratuito será xestionado directamente coa Asociación de Comerciantes Centro Comercial Aberto do Carballiño.
Así mesmo, o centro acollerá unha charla de grande interese cultural e antropolóxico. Trátase dunha conferencia sobre a práctica ancestral de “levantar a paletilla”, onde se abordará para que servía, por que se realizaba e o seu significado cultural. Para elo o vindeiro luns, 19 de xaneiro, ás 17,00 horas, contarase coa presenza de Lidia Mariño Ventoso, antropóloga e fisioterapeuta, neta e bisneta de levantadores de paletilla, así como autora do libro “Levantar a paletilla caída”, recentemente publicado e presentado oficialmente esta mesma semana no Museo do Pobo Galego.
A presentación no noso centro será unha primicia na provincia, e permitirá responder a numerosas cuestións curiosas arredor deste icono ancestral da nosa cultura. A charla será gratuíta e para asistir tan só será preciso inscribirse, sen ningún outro requisito. Ademais, para esta actividade prestarán a súa colaboración as librarías do pobo, que acompañarán á autora nesa xornada.
A maiores, presentarase un obradoiro temático de San Valentín, un obradoiro de cúpulas do Día dos Namorados con cubertas decorativas de cristal e flores preservadas. Para facilitar a participación, ofreceranse dúas edicións, evitando así que persoas interesadas queden sen praza.
Finalmente, adiantamos que xa estamos a traballar na programación da festividade do Entroido, que se dará a coñecer próximamente.

















