O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe na Gala 2025 da Federación Galega de Automobilismo, no Pazo dos Deportes “Paco Paz”, que rende homenaxe a pilotos e escudarías da fan posible “o prestixio do deporte do motor en Galicia e, en Ourense en particular”
Na súa intervención, Luis Menor fixo mención á “2ª beca motor futuro” que saca a Deputación en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo, para descubrir e promocionar o talento mozo da provincia, ofrecéndolles a oportunidade de competir na tempada 2026 o Campionato de Galicia de Rallys.
Ourense, 17 de xaneiro de 2026.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe, no Pazo dos Deportes “Paco Paz” na Gala 2025 da Federación Galega de Automobilismo que este ano “non podería ter un mellor escenario ca nosa provincia, onde contamos cunha gran canteira de pilotos e uns fieis afeccionados a este deporte”, salientou o presidente.
Esta Gala é para render homenaxe a pilotos e escudarías que fan posible “o prestixio do deporte do motor en Galicia e en Ourense en particular”. Durante a mesma, fíxose entrega de 160 galardóns a pilotos, copilotos, escudarías e persoas e entidades que colaboran no desenvolvemento dos diferentes campionatos: rallyes, autocross, montaña, karting, rallymix, rallysprint e slalom.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
No caso da nosa provincia, acolleu un total de sete probas na pasada tempada dos distintos campionatos: o Rally Comarca do Carballiño, o Rallymix de Barbadás, a Subida a Vilar de Barrio e a de Taboadela, e os rallysprint de Piñor, Val de Ramirás e Lobios.
E, para este ano, ademais de continuar con todas estas probas, retomarase no calendario o Rallye Ourense – Ribeira Sacra. Polo tanto, temos demostrado que Ourense é “un referente no mundo motor, así como o escenario idóneo para a súa práctica”, salientou Menor.
Así mesmo, o presidente provincial lembrou a aposta que realiza a Deputación a prol do deporte base e federado a través de diversas iniciativas e apoio a programas, conscientes de que “o deporte inculca valores e promove un estilo de vida saudablle”.
No marco desta estratexia de apoio ao deporte, Luis Menor lembrou a “2ª beca motor futuro” que saca a Deputación en colaboración coa Federación, para descubrir e promocionar o talento mozo da provincia, ofrecéndolles a oportunidade de competir na tempada 2026 dentro do Campionato de Galicia de Rallys.
Por último, felicitou a todos os premiados, pero tamén a todos os que contribúen co seu traballo e paixón polo deporte a que a nosa Comunidade sexa a capital do automobilismo.









