- A Asociación Galega en Defensa da Dependencia e da Discapacidade (ASGADeD) está a realizar unha campaña de concienciación centrada na mellora da alimentación que reciben as persoas ingresadas nas residencias, nos centros de día e as que participan en programas como “Xantar na Casa”.
- En realidade, como se pode comprobar nas nosas redes sociais, a campaña comezou xa en decembro porque queriamos incidir no tema antes das festas do nadal, si ben o fundamental da campaña vai desenvolverse a partir deste momento.
Compostela, 19 de xaneiro de 2026. A nosa Asociación considera que unha alimentación saudábel é un elemento clave para a saúde das persoas e que, dende hai xa demasiado tempo, son múltiples as protestas dos usuarios desas institucións ou programas, polo que é urxente mudar a situación no sentido de garantirlles a estas persoas unha boa alimentación e unha vida digna e de calidade.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A alimentación é un piar fundamental na calidade de vida das persoas maiores e debe ser entendida como unha parte esencial do seu tratamento integral, e non só como unha necesidade básica. Unha nutrición adecuada contribúe de maneira directa á prevención de enfermidades, ao mantemento da autonomía, á mellora do estado funcional e ao benestar físico e emocional das persoas.
En moitos casos, a alimentación séguese xestionando desde unha perspectiva simplemente funcional: con poucos alimentos frescos e de tempada, menús repetitivos, con unha alta presenza de precociñados, aditivos, conservantes, e requentados, que nalgúns casos son o 100% das comidas diarias, pouca variedade, baixo valor nutricional e escasa adaptación a necesidades individuais. Ademais, con demasiada frecuencia entendese a alimentación adaptada unicamente como triturar os alimentos, sen prestar atención á presentación, o sabor ou a variedade de texturas. Esta visión reduce a experiencia para comer a un acto funcional, deixando de lado a dignidade e o goce da persoa maior.
O envellecemento esixe máis atención nutricional, non menos, e unha dieta insuficiente ou desequilibrada é causa de múltiples problemas: contribúe a desnutrición e perda de masa muscular, aumenta o risco de caídas e fracturas e causa déficits de vitaminas e elementos esenciais, levando a unha maior dependencia, porque sen forza nin enerxía diminúe a capacidade para realizar actividades básicas. Ademais afecta tamén as capacidades cognitivas como a perda de memoria, a capacidade de concentración ou o aumento de episodios de confusión ou desorientación.
En ASGADeD cremos firmemente que a alimentación das persoas maiores institucionalizadas, non debe entenderse como un gasto ou un simple servizo básico, senón como un dereito fundamental e legal para as persoas maiores. Non se trata só de servir pratos, senón de garantir unha nutrición adecuada que respecte a dignidade, a saúde e as preferencias individuais das persoas usuarias.
Desde ASGADeD consideramos que, na actualidade, existen importantes carencias na xestión nutricional de estas persoas, tanto na adaptación dos menús ás necesidades individuais como na supervisión profesional da alimentación. Por este motivo, a nosa asociación promove esta campaña co obxectivo de sensibilizar á sociedade, ás familias, aos profesionais e ás administracións públicas sobre a importancia de garantir unha alimentación segura, equilibrada, individualizada e de calidade.
A campaña incluirá diversas actividades programadas ao longo dos próximos meses, entre elas accións informativas, divulgación de contidos especializados, colaboración con profesionais da nutrición e espazos de reflexión sobre o papel da alimentación na prevención da dependencia e na promoción da saúde no envellecemento.
En ASGADeD reafirmámonos no compromiso coa defensa dos dereitos das persoas en situación de dependencia e discapacidade, e apostamos por un modelo de atención centrado na persoa, no que a alimentación sexa recoñecida como unha ferramenta terapéutica fundamental e non como un aspecto secundario da atención aos maiores e dependentes.

















