- A Consellería de Vivenda activou hoxe ás 9 horas o prazo para pedir estas subvencións, que rematará o 1 de setembro ou no momento do esgotamento do crédito
- Ás 13 horas, na provincia de Lugo rexistráranse 373 peticións; na de Ourense, 230; na de Pontevedra, 167; e na da Coruña, 265
- A Xunta destina ás axudas un orzamento bianual de 5M€, con fondos autonómicos
- As achegas, que poden acadar os 30.000€, cubrirán ata o 75% das obras e inclúense traballos de accesibilidade, conservación, sostibilidade ou eficiencia enerxética
- A vivenda rehabilitada ou resultante por cambio de uso destinarase a domicilio habitual e permanente, ben do propietario ou en alugueiro durante un mínimo de 5 anos
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025.- A Xunta recibiu nas primeiras horas 1.035 peticións de axudas para rehabilitar vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas activou hoxe ás 9 horas o prazo para solicitar estas novas subvencións, que rematará o 1 de setembro, ou no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
De xeito máis concreto, ás 13 horas, na provincia de Lugo rexistráranse 373 peticións; na de Ourense, 230; na de Pontevedra, 167; e na da Coruña, 265.
O Goberno galego destina a esta convocatoria un orzamento bianual de 5M€, con fondos autonómicos, que poderán ampliarse se o número de solicitudes excede a contía.
As achegas, que poden acadar os 30.000€, están dirixidas a propietarios ou usufrutuarios de vivendas ou locais situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, co requisito de que a vivenda rehabilitada debe destinarse a domicilio habitual e permanente, ben do seu propietario ou en alugueiro, neste caso, durante un mínimo 5 anos.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Esta nova liña é compatible con outras da mesma finalidade, convocadas pola Xunta ou outra administración, sempre e cando a axuda non supere o custo total das actuacións. Por exemplo, estas achegas son compatibles coas de adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, de xeito que se pode adquirir unha vivenda abandonada con esta subvención e reformala coa nova axuda de rehabilitación.
A axuda cubrirá ata o 75% das obras e inclúense traballos de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética. Tamén se contemplan as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Ademais, no custe total das actuacións subvencionables pódense incluír os honorarios da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, e os gastos derivados da tramitación administrativa. E tamén os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, que estean debidamente xustificados.
















