O Psdeg-Psoe de Ourense reclama que o bipartito minguante de do e PP “deixe de abrazar o caos urbanístico” e desbloquee xa a comisión de seguimento do pepou

“Este ano debemos acadar o consenso político necesario para a aprobación do Plan Especial das Burgas, un dos proxectos clave para o futuro desenvolvemento urbano termal e turístico de Ourense”, esixen

Os socialistas solicitan que tamén se reactive a comisión para a redacción dunha nova ordenanza municipal de ruídos despois de máis dun ano de parálise polas diferenzas entre PP e DO

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama que o goberno bipartito “minguante” de Democracia Ourensana e Partido Popular “deixe de abrazar o caos urbanístico no que está sumido a cidade” e proceda, de xeito inmediato, a reactivar a comisión de seguimento do Plan especial de protección do sitio de interese histórico das fontes termais de As Burgas e do conxunto de interese histórico da cidade de Ourense (PEPOU), para conseguir a súa aprobación definitiva neste ano 2021.

Ante a recente volta do Partido Popular ao goberno de Jácome e a delegación específica das competencias da área de urbanismo na nova concelleira e anterior responsable, Sonia Ogando, dende o grupo municipal socialista piden que o Concello de Ourense poña fin ao “desmantelamento sistemático en materia urbanística que vén lastrando a cidade durante o último ano”.

Os socialistas consideran que é “un momento clave para dirimir o futuro de Ourense en materia urbanística e para pedir a máxima transparencia sobre as intencións que rexerán o futuro nos vindeiros dous anos de goberno do bipartito conformado por DO e PP, ante as notables diferenzas de criterio postas de manifesto de xeito público polos socios de goberno no que vai de mandato”.

“Este 2021 debemos acadar o consenso político necesario para a aprobación do Plan Especial das Burgas, un dos proxectos clave para o futuro desenvolvemento urbano, termal e turístico de Ourense”, esixen os socialistas, ao tempo que condenan a “total inacción” de Jácome, que durante o último ano se dedicou a “desmantelar” a Oficina de Rehabilitación e “mirar cara a outro lado” no relativo ás xestións necesarias para adherir a cidade ao Plan Rexurbe da Xunta de Galicia e para conseguir fondos europeos e traballar en materia de rehabilitación, “como si fixeron o resto de cidades galegas”.

Reactivación da ordenanza de ruídos

Ademais, os socialistas consideran “fundamental” que se reactive a comisión para a redacción e aprobación dunha nova ordenanza municipal de ruídos despois de máis dun ano de parálise polas diferenzas entre PP e DO. “Trátase dunha cuestión que afecta ao benestar da veciñanza e que debe ser abordada á máxima brevidade”, sinalan.

Ademais, lembran que xa puxeron de manifesto a súa posición a favor de desenvolver o texto conxuntamente con outras futuras normativas como as de veladores, botellón, accesibilidade ou tráfico, de xeito que o marco legal resultante sexa “o máis amplo posible”.