A plataforma recén constituída ‘SOS Sanidade O Carballiño’ fai un chamamento á veciñanza do noso concello e comarca para que asista á manifestación en Defensa da Sanidade Pública que terá lugar o vindeiro domingo día 1 de febreiro en Santiago de Compostela ás 12 da mañá. Sairán autobuses da rotonda de Cea ás 10,45 horas previa reserva nos teléfonos 676 611 848/ 988 782 726 .
Os integrantes deste colectivo apuntan que “somos conscientes do deterioro que pouco a pouco veñen sufrindo os servizos sanitarios. As citas para o médico de cabeceira retrásanse máis aló do que necesitamos. E non digamos cando se trata de intervencións hospitalarias. Nese caso podemos falar de meses e incluso anos. O persoal sanitario é escaso en moitos casos , e ten que realizar longas xornadas de traballo entre horario propio ,gardas ou acumulación de pacientes por diversos motivos”.
Engaden que “os fallos de asistencia na atención primaria obríganos a ir ao servizo de urxencias comarcal ou á residencia sanitaria colapsando os mesmos .Como resultas destes inconvintes non recibimos a asistencia necesaria para a nosa saúde o que conduce a agravamentos que poden ser irreversíbeis”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
En consecuencia, o primeiro que lle piden ao Servizo Galego de Saúde da Xunta de Galicia “é que dote aos centros de saúde e hospitalarios de persoal sanitario suficiente e con boas condicións laborais así como dos medios materiais precisos para a súa función. O persoal sanitario adscrito á Xunta debe traballar exclusivamente no sector público. A porción de orzamento adicado á sanidade debe chegar ao 25% segundo recomenda a Organización Mundial da Saúde (hoxe está no 14 %)”.
Tamén suliñan que “a Xunta de Galicia, como administración pública, é quen ten a responsabilidade de garantir un servizo sanitario universal e gratuíto, sen desviar o seu orzamento ao sector particular, sendo esta a causa de ineficacia do SERGAS. A saúde é un dereito básico que non podemos permitir que se convirta nun negocio”. Ao respecto, indican que “realízanse inversións non prioritarias en inmobles coa única finalidade de proporcionar ganancias á certas empresas ou con vistas á trasladar o servizo público ao sector privado”.
Finlamente, dende ‘SOS Sanidade O Carballiño’ expoñen que “O Carballiño dispón dun Centro de Saúde que, ben administrado, pode atender aos usuarios que lle corresponde sen gastar neste intre 9 ou 10 millóns de euros nunha instalación nova. Con algunha pequena reforma do propio centro ou de inmobles abandonados de propiedade pública, poderiamos investir eses cartos nas melloras sanitarias que precisamos urxentemente”.
E conclúen que “todo isto require o esforzo da cidadanía para demandarlle a quen lle corresponde as melloras que nos compren. Asimesmo, con data de hoxe, trasladámoslle aos partidos con representación municipal unha proposta de moción para aprobar un acordo de posta en funcionamento do Consello Municipal de Saúde, órgano de participación comunitaria para acadar as pertinentes melloras sanitarias . E un segundo acordo para que dende o Concello se inste á Xunta a investir anualmente en sanidade o 25% do orzamento”.

















