O programa do ‘Festival Máxico San Juan Bosco’ prosegue hoxe no Carballiño, data de celebración do Día Internacional dos Magos, cun obradoiro infantil cos magos Chirleta e Ninou, que terá lugar de 16,30 a 18,00 horas no salón de actos do Hotel O’Xardín. E unha vez rematada esta sesión didáctica, haberá unha gala familiar coa participación dos magos Chirleta, Ninou e Abel.
Esta segunda xornada do evento, que conta coa colaboración do Concello do Carballiño pecharase á medianoite no Café Bar Casino coa ‘Gala Hora Máxica’, que estará protagonizada polo Gran Mago, Guto e Aris Villarino.
O festival pecharase mañá, domingo 1 de febreiro, cunha mañá adicada especialmente aos magos que se iniciará cunha conferencia de Donald Lehn, “Maxia na rúa”, ás 11,00 horas, e que concluirá cun xantar de confraternidade, tendo lugar ambas actividades no Hotel O’Xardín.
A programación terá, ás 18,00 horas, unha gala de clausura aberta a tódolos públicos no Auditorio Manuel María, que será presentada por David Méndez e que contará coa participación do Mago Cris, O Mago da Boina e Nami e Malo Malísimo.

















