- A terceira edición da Pasarela Solidaria de Allariz fixo entrega dos 5.014 euros recadados á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense
- No acto participaron as organizadoras Teresa Quintana, Olga Ferreiro e Helen Aranburu, xunto ao presidente provincial da entidade, Germán Rodríguez-Saá
Ourense, 02 de xuño de 2026.- A terceira edición da Pasarela Solidaria de Allariz logrou recadar un total de 5.014 euros, que foron entregados á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense para contribuír ao impulso da investigación oncolóxica e avanzar cara ao obxectivo de acadar unha taxa de supervivencia do 70% no cancro en 2030.
A entrega do cheque contou coa presenza de Teresa Quintana, Olga Ferreiro e Helen Aranburu, organizadoras e colaboradoras da iniciativa, xunto co presidente da Asociación en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, quen recibiu a recadación en nome da entidade.
Durante o acto, Rodríguez-Saá quixo salientar e agradecer “a implicación da organización, das persoas colaboradoras e de toda a sociedade alaricana, así como o compromiso do comercio local, fundamental para facer posible este tipo de iniciativas solidarias que teñen un impacto directo na investigación contra o cancro”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Dende a Asociación tamén se trasladou un sincero agradecemento a todas as persoas que participaron na iniciativa, especialmente a quen colaborou coa compra de rifas e coas doazóns da fila 0, así como ás entidades e negocios que apoiaron o evento.
A Pasarela Solidaria de Allariz consolídase un ano máis como unha cita que une moda, solidariedade e compromiso social, demostrando a forza da colaboración cidadá na loita contra o cancro.
Sobre a Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter un enfoque do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao carón das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se lles é diagnosticada; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación agrupa a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 143 millóns de euros en 750 proxectos, nos que participan máis de 2.300 investigadores.
A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar as persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 35.000 persoas voluntarias, máis de 728.000 socios e 1.261 profesionais.
Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 136.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada.
https://www.facebook.com/contraelcancer.ourense
https://www.instagram.com/contraelcancer.ourense
















