O Sindicato Labrego Galego solicita a intervención urxente da Consellería do Medio Rural ante as ameazas de baixas de prezo das industrias lácteas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026. As gandeiras e os gandeiros de leite galegos están a recibir estes días unhas ofertas de prezos do leite pagados en orixe con rebaixas entre 4 e 9 céntimos por litro que suporían a ruína de miles de granxas, e isto nun contexto no que o prezo percibido polas granxas galegas é o máis baixo de todo o Estado. A finais deste ano 2025 as granxas de leite galegas percibían unha media de 0,527 céntimos por litro fronte aos 0,555 céntimos de Castela León (segunda comunidade produtora de leite), os 0,562 de Cataluña (terceira), os 0,544 de Andalucía (cuarta), 0,551 de Cantabria, 0,550 de Asturias ou 0,577 do País Vasco, por poñer algúns exemplos.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) consideramos que estas ofertas á baixa das industrias, con condicións inaceptábeis, tendo en conta a evolución dos custos de produción, comprometen seriamente o futuro das granxas de leite galegas, polo que demandamos a intervención urxente da Consellería do Medio Rural nun momento no que están en proceso de renovación a maioría dos contratos do leite para o vindeiro período.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Incerteza no sector

A situación do mercado do leite no Estado español, con caídas da produción acumuladas de arredor dun 0,85% no 2025 respecto ao ano anterior, non xustifican a baixa de prezo do leite para a próxima renovación de contratos, senón todo o contrario. Se tomamos a referencia dos meses máis próximos, como os de finais de ano, estariamos en caídas do 2,9% respecto ao mesmo mes do ano anterior, por exemplo en novembro. O censo de vacas tamén experimentou unha redución dun 2,7% no ano 2025, polo que é previsíbel que siga caendo a produción. Hai que lembrar que o sector continúa a vivir coa incerteza da ameaza dunha enfermidade tan preocupante como a Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) que levou ao sacrificio de miles de vacas en Cataluña e en Francia.

As primeiras poxas de Fonterra no que atinxe aos produtos lácteos industriais supuxo de promedio unha suba dun 6,3%, revertendo a tendencia dalgunhas baixas que se produciron ao longo do 2025. Non ten sentido que agora precisamente as industrias lancen estas ameazas de baixas, máxime con unha dinámica de mercado interno bastante diferenciada, como unha produción por debaixo do consumo, e unha tendencia estábel nos prezos ao consumidor final.

Urxe convocar o Observatorio do Sector Lácteo Galego

Galiza con 2.817.569 toneladas, como principal rexión produtora de leite a moita distancia da segunda comunidade produtora de leite como é Castela León, con 843.785 toneladas, ou da terceira que é Cataluña, con 693.260 toneladas, ten moitas comarcas que dependen en gran medida de xeito indirecto e indirecto da produción de leite, con miles de granxas, almacéns, talleres, servizos profesionais de diferente índole que traballan neste sector, polo que a administración galega, coa Consellería do Medio Rural á fronte, debe liderar unha resposta inmediata a esta grave ameaza de prezos ruinosos e convocar de urxencia o Observatorio do Sector Lácteo Galego, para parar estas baixas inxustificadas.

Dende o Sindicato Labrego consideramos mesmo que as industrias lácteas, tendo en conta a tendencia que houbo nos últimos anos de novas instalacións e proxectos industriais na Galiza e tendo en conta o peche continuado de granxas, así como o compoñente xeracional que hai no sector, están a cavar a súa propia ruína, comprometendo mesmo o abastecemento futuro das súas plantas, sen ter en conta que Galiza era un dos poucos lugares nos que se ía mantendo de xeito moderado a produción fronte a caídas importantísimas por exemplo en rexións lácteas históricas como Asturias, con unha caída dun 4,20% no último ano, Cantabria con un 3,68% de caída, País Vasco con 3,33% de caída, Andalucía con 1,63%, Cataluña con 0,81% ou Castela León con 0,94%.

Por este motivo, dende o SLG-CCLL solicitamos xuntanzas con diferentes industrias lácteas ás que lle trasladaremos estas preocupacións e xa temos algunhas citas confirmadas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------