A Praza Maior acollerá un ano máis o tradicional ‘Enterro da Sardiña’, un rito que só é un punto e seguido da programación do Entroido do Carballiño, xa que a súa clausura non chegará ata o vindeiro domingo, 22 de febreiro, coa celebración da ‘XXI Festa da Cachucha’.
Así, mañá, mércores 18, o colectivo Aspadisi e o grupo de teatro Dar Trela voltarán a ser os protagonistas do sempre satírico contido do ‘Enterro da Sardiña’, cunha comitiva que partirá ás 19,00 horas da praza Os Liborianos e percorrerá a rúa Mosquera ata chegar á Praza Maior, onde se procederá á queima do ‘meco’ correspondente a este ano.
A charanga Castro Bello porá a animación musical fúnebre a esta actividade, que se pechará cunha degustación de bica acompañada por chocolate quente.
E a gran cita do vindeiro día 22, Domingo de Piñata, será a ‘Festa da Cachucha’, que acada a súa 31ª edición e que cada ano convoca a centos de persoas procedentes non só de toda a provincia de Ourense senón tamén do resto de Galicia, para degustar carne cocida de porco e de tenreira ao caldeiro, acompañada por grelos ou couba, garabanzos, pan de Cea e viño do Ribeiro, auga, refrescos, postres típicos da época coma orellas e filloas, café e licores, con prezos que oscilan entre os 20 e os 40 euros no 25 restaurantes adheridos a esta xornada gastronómica promovida pola Concellería de Turismo do Concello do Carballiño.
















