O Psdeg-Psoe de Ourense salienta o traballo de prevención do goberno en materia de lumes en Ourense e buscará novos compromisos ante a inacción da Xunta de Galicia

IES CHAMOSO LAMAS

O deputado e a deputada socialistas mantiveron unha reunión de traballo co Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico na que lle amosaron a “preocupación” polo risco de incendios en Ourense

Uxía Tizón subliña “o compromiso total” do Goberno coa provincia e denuncia que “ante este traballo dos socialistas, atopámonos coa inacción e pasividade da Xunta de Galicia do presidente Núñez Feijóo”

HIPER MASIDE

O PSdeG-PSOE de Ourense a través da súa representante no Congreso dos Deputados, Uxía Tizón e do deputado, Adolfo Pérez Abellás salienta o traballo en materia de prevención de lumes levado a cabo polo Goberno central. Os congresistas mantiveron unha reunión de traballo co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfica (MITECO) na que lle trasladaron a “preocupación” polo perigo de incendios na provincia de Ourense coa chegada da tempada de calor e en consecuencia o aumento do risco de que se produzan lumes.

Os socialistas ourensáns expuxéronlle aos representantes do MITECO as graves perdas económicas que sofre cada ano a provincia de Ourense, especialmente no rural e que “supón a destrución de vidas humanas e dos bens da veciñanza”. A elo súmanse, tal e como explican as deputadas socialistas “a grave perda ecolóxica” para o ecosistema que se produce cada vez que hai un incendio. Desde o Ministerio trasladaron a “importancia” de traballar na “restauración” nas zonas de Ourense con maior incidencia de lumes, xa que como apuntaron, “é un problema ecolóxico grave, que conta ademais cun compoñente social”. Deste xeito e tal e como apuntan as fontes ministeriais “sería posible facer unha valoración da restauración integral nalgúns dos municipios máis castigados polos lumes na provincia a través dun proceso piloto”.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso, Uxía Tizón, salienta que o “compromiso” do Goberno e dos socialistas “é total”, tal e como demostran as estatísticas de actuación do MITECO en Galicia, e máis concretamente en Ourense. “En 2020 colaboraron na extinción de 128 incendios en Galicia, a maior parte na nosa provincia”, destaca Tizón, que tamén apunta que “participaron en 7 dos 8 grandes lumes declarados como foron os casos de Cualedro, Vilar de Barrio, A Mezquita, Manzaneda, Lobios, Vilariño de Conso e Chandrexa de Queixa, onde ademais de medios aéreos, despregaron tamén efectivos en terra, sempre en colaboración coas peticións da nosa comunidade autónoma”.

A deputada socialista denuncia a “pasividade e inacción” da Xunta de Galicia e o seu presidente, o popular Alberto Núñez Feijóo, “tal e como queda patente na queima reincidente na nosa terra”. Tizón destaca que fronte a esta forma de actuar “irresponsable” do goberno galego, “atopamos en fronte o traballo do Goberno central que aposta pola prevención e por actuacións máis rápidas e con máis medios”. Como exemplo pon a labor da UME o pasado verán ou a BRIF con sede en Laza “cuxo traballo incansable axuda tanto en prevención como en actuación”, destaca a representante dos socialistas ourensáns no Congreso.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico despregou na provincia en verán de 2020: dous avións de carga en terra en Xinzo de Limia cunha capacidade de carga de 3.100 litros e un investimento de 742.000 €; a BRIF de Laza composta por 51 bombeiros forestais, 2 helicópteros con capacidade de extinción de ata 1.200 litros e un investimento en medios áreos de 1.390.000 euros; unha unidade móbil de análise e planificación en Laza cun investimento de 110.000 euros. A elo súmanse os medios na campaña de inverno para a prevención e extinción tales como a BRIF de Laza, un helicóptero bombardeiro tamén nesta poboación, unha brigada de labores preventivas ou catro equipos de prevención integral de incendios forestais.

Participaron directamente nos incendios de Cualedro, onde se calculan que arderon máis de 1036 hectáreas; Vilar de Barrio, cunha estimación de 550 hectáreas; Cualedro novamente, onde se calculan outras 1.300 hectáreas arrasadas; Vilariño de Conso onde se queimaron 817; Lobios con 2.000 hectáreas afectadas; Chandrexa de Queixa, onde o lume afectou a 859 ha; Manzaneda onde se viron afectadas 800 ha e A Mezquita onde se calcula que provisionalmente arderon 525 hectáreas.