O BNG denuncia as agresivas intervencións contra o patrimonio natural e histórico na Ribeira Sacra

Iago Tabarés demanda a elaboración dun plan para exploración, conservación e potenciación do espazo arqueolóxico dos Penedos do Castro, e do seu valor natural e paisaxístico. Así como explicacións pola tala de piñeiras e especies autóctonas levada a cabo por Iberdrola en Nogueira Ramuín

O deputado do BNG por Ourense, Iago Tabarés, ven de rexistrar no Parlamento de Galiza iniciativas  que focalizan sobre actuacións que poñen en grave risco o patrimonio natural e histórico do concello de Nogueira de Ramuín e da Ribeira Sacra. A tala de piñeirais e especies autóctonas e a instalación dunha estrutura de madeira a modo de miradoiro nas proximidades dos restos arqueolóxicos do milenario castro dos Penedos do Castro, na contorna do foso, muralla e vivendas de orixe castrexo.

AVANTAR ACTIVIDADES

 Tabarés demanda da Xunta de Galiza a elaboración dun plan para exploración, conservación e potenciación do espazo arqueolóxico dos Penedos do Castro, e do seu valor natural e paisaxístico.  “Resulta cando menos elocuente que a única actuación da que se ten constancia nos últimos anos, nuns restos do século IV AC, mesmo relacionados con autoridades visigodas do rei Leovixildo, non sexan para afondar as escavacións ou na planificación racional dos extraordinarios valores do lugar” indica o deputado nacionalista, “unicamente se intervén para instalar un miradoiro sen ter en conta a afectación que poda provocar no patrimonio cultural e natural do lugar”.

 A tala indiscriminada na contorno do embarcadoiro do catamarán da Ribeira Sacra  supón unha nova  agresión a nun espazo natural protexido e recoñecido, tanto pola UNESCO como pola súa inclusión en Rede Natura 2000.  Unha tala que en modo algún pode cualificarse de “entresaca” para mantemento e conservación do espazo natural, senón que máis ben semella unha actuación de explotación forestal, con claros signos rendistas, e pouco respectuosa cos recoñecidos valores naturais, medioambientais e paisaxísticos do espazo.  Pois como indica o deputado do BNG, pode ademais afectar á orografía do terreo provocando que a ausencia das árbores favoreza un proceso de erosión que comprometa o equilibrio do ecosistema, que non permita manter as condicións para a conservación e crecemento da flora e fauna actualmente existente e que lle valeu o seu recoñecemento internacional.

 Non constando a existencia do debido control por parte da Xunta de Galiza sobre a actuación realizada por iniciativa de Iberdrola e outros propietarios, así como de medidas para a conservación e mantemento do espazo natural de cada vez máis relevancia turística, poñen de manifesto unha vez máis que as autoridades competentes obvian o valor do patrimonio natural e histórico da provincia de Ourense.