Luis Menor reafirma o apoio da Deputación a Expourense como “motor feiral, deportivo e social da provincia”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe unha reunión de traballo co director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, co obxectivo de reforzar a cooperación estratéxica entre ambas institucións e avanzar na planificación das próximas citas feirais e deportivas.

Luis Menor destaca que Expourense é “un dos grandes activos económicos e sociais da provincia”, subliñando o compromiso da Deputación co seu mantemento, modernización e proxección exterior. “Falamos dun recinto que xera actividade, oportunidades e posicionamento para Ourense dentro e fóra de Galicia”, afirmou.

Na reunión quedou de manifesto a versatilidade das instalacións volve situar a Expourense no foco deportivo internacional. A súa pista cuberta, considerada unha das mellores do noroeste peninsular, acollerá do 6 ao 8 de marzo o Campionato do Mundo de Atletismo en Pista Corta VIRTUS 2026, unha cita de máximo nivel para atletas con discapacidade intelectual.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Para o presidente provincial, este evento “non só reforza a marca Ourense como destino deportivo, senón que proxecta unha imaxe de inclusión, compromiso social e excelencia organizativa”.

Neste sentido, Menor incidiu na importancia de continuar financiando as melloras necesarias para garantir que o recinto manteña os estándares esixidos por competicións internacionais.

Calendario feiral de referencia en Galicia

Durante a xuntanza analizouse tamén o calendario feiral para 2026, que consolida a Expourense como líder en número e calidade de convocatorias en Galicia. Así, entre as citas máis inmediatas destacan: Previsel, -os días 11 e 12 de marzo-, como primeira gran feira do ano; e a II Feira do Ensino, organizada conxuntamente entre Expourense e a Deputación, convertida xa nun referente para a orientación académica da mocidade.

Ademáis, quedou de manifesto a fortaleza de Expourense coa celebración de tres feiras internacionais, o que supón arredor da metade das convocatorias deste carácter en Galicia. Así, ratifícase o impulso a salóns consolidados e de proxección exterior como Termatalia, Xantar e Funergal, marcas que identifican a Ourense coa innovación, a gastronomía e os sectores profesionais especializados.

No encontro de traballo analizouse tamén que Expourense é un recinto cada vez máis demandado para actividades como cursos de formación e presentacións empresariais; concertos e actividades culturais; reunións institucionais e encontros de órganos de goberno. “Desde a Deputación contribuiremos sempre a que este recinto estea nas mellores condicións posibles, porque a súa actividade é un motor de dinamización económica e social que beneficia ao conxunto da provincia”, concluíu Luis Menor.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------