Unha exposición de O Potiños presenta un percorrido en imaxes polas aldeas do rural do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O acceso interior da Casa do Concello do Carballiño acollerá ata o mes de abril unha nova exposición organizada pola asociación fotográfica O Potiños e a Concellería de Cultura, que baixo o epígrafe “Recunchos das aldeas do Carballiño” refrexa espazos naturais, etnográficos e arquitectónicos do rural do municipio.

A presentación desta mostra tivo lugar hoxe coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o presidente de O Potiños, Manuel Blanco, que estivo acompañado por Óscar Flint, un novo integrante deste colectivo de afecionados á fotografía.”Personaxes, natureza e patrimonio dos lugares do rural Carballiño en diferentes etapas do ano representan unha ollada excepcional de Potiños”, apuntou o edil de Cultura.

Pola súa banda, Manuel Blanco lembrou que “todos os anos levamos a cabo unha exposición vencellada ao Carballiño, neste caso unha viaxe polas aldeas da que fixemos unha selección de 30 das 250 fotografías, dende Bagarelas ata Cabanelas e dende Madarnás ata Arcos, que resultou ser unha experiencia moi interesante”. O presidente de O Potiños avanzou que o colectivo tentará cara o futuro a edición dun libro “coas imaxes das 17 igrexas que posúe o municipio, contando coa colaboración de José Manuel García Iglesias e outros expertos en arte”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Por outra banda, Blanco anunciou o nomeamento como socio de honra da entidade a José Luis Diz Rodríguez, un dos fundadores de O Potiños alá pola ano 1982, e todo un referente no movemento cultural do Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------